O Pontevedra pide a cancelación da competición "para todos" ao ver "inxusta" a proposta de permitir ascensos

Pontevedra
15 de abril 2020

Ao club granate non lle agrada a proposta trasladada pola Real Federación Española de Fútbol trasladou ás territoriais para acordar como concluír a tempada anulando descensos pero permitindo ascensos. Xunto a outros 32 clubs da categoría, incluídos Racing de Ferrol e Coruxo, remitiron un escrito á federación

Lupe Murillo xunto Roberto Feáns saíndo da sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón Mónica Patxot

Ao Pontevedra Club de Fútbol non lle agrada a proposta que a Real Federación Española de Fútbol trasladou ás territoriais para acordar como finalizar a tempada, agora en suspenso, e que supoñería dar por acabada a liga regular anulando descensos pero permitindo ascensos de categoría cunha especie de play-off express.

Para o club granate esta solución sería "tremendamente inxusta", tendo en conta que entende que, poñendo o seu caso como exemplo, atopábase en liña ascendente a 7 puntos dos postos que darían acceso a pelexar polo salto de categoría e aínda estaba a tempo de tentalo.

É por iso que desde a entidade presidida por Lupe Murillo cren que "de anularse a tempada, debería ser para todos", se é que as autoridades sanitarias entenden que non é posible retomar con seguridade as competicións deportivas.

Como consecuencia, a medida exposta pola Federación supoñería ademais na práctica ampliar a Segunda División B, que contaría con máis equipos por grupo ou novos grupos de competición a partir da próxima tempada, unha opción que "non sería a máis desexable", defende o Pontevedra, sen que antes se consulte cos clubs implicados.

Neste sentido, o club granate aliñouse con outros 32 equipos da categoría de bronce, incluídos os galegos Racing de Ferrol e Coruxo, enviando un escrito á Federación no que sinalan a súa preocupación e piden que non se alongue a tempada máis aló do 30 de xuño polo prexuízo económico que iso podería supoñer.