Despois de pechar sete renovacións, chega a quenda das fichaxes á Sociedad Deportiva Teucro.
O club pontevedrés confirmou a última hora do martes a que é a súa primeira incorporación, un reforzo para a súa portería tras a saída do arxentino Fede Wermbter.
Trátase do alemán Joshua Rau, xoven gardameta de 21 anos formado na canteira do Füchse de Berlín e que as dúas últimas tempadas defendeu o Sispal Handbol Marratxí mallorquino na Primeira Nacional.
Nas súas primeiras declaracións como xogador do Teucro, en declaracións en inglés difundidas polo club pontevedrés, Rau recoñeceu estar "moi agradecido de ter a oportunidade de xogar nun bo club en España. Espero poder axudar a lograr os seus obxectivos traballando duro en min mesmo e mellorando", sinalou. Ademais "estou a desexar afrontar o reto de vivir no estranxeiro, coñecer a cultura local e mellorar o meu español", explicou o alemán.
Joshua Rau únese desta forma a unha lista de xogadores confirmados para a próxima campaña na División de Honra Prata na que xa figuraban Caue Herrera, Ricardo González, Miguel Sío, Alejandro Gómez, Víctor Deco, Iago Rodríguez e Pedro Sánchez.