Ano negro para as mulleres na provincia de Pontevedra. Catro foron asasinadas este 2025, dúas por parte dos seus propios fillos, unha supostamente pola súa parella e a cuarta por un home a cuxa casa acudía a traballar no Servizo de Axuda no Fogar.
Perfís diferentes e unha mesma realidade que tocou aos municipios de Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía e O Porriño. Od seus catro nomes figuran, desde o pasado 25 de novembro, entre os círculos de vítimas da violencia machista instalados no exterior da Audiencia Provincial de Pontevedra.
O ano xa empezou duro o día 2 de xaneiro. R.R.G., de 78 anos, recibiu unha grave malleira por parte do seu fillo en Cerdedo -Cotobade e acabou falecendo no hospital 14 días despois como resultado das graves lesións que lle provocou a golpes.
A vítima permaneceu en estado crítico no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo durante dúas semanas con múltiples fracturas en distintas partes do corpo, como o cranio ou a zona costal.
O seu fillo, detido o mesmo día dos feitos por un asasinato en grao de tentativa, estivo 20 días ingresado na área de Psiquiatría do complexo hospitalario de Pontevedra, ata que o Instituto de Medicamento Legal de Galicia (Imelga) confirmou que estaba en condicións de declarar. O 22 de xaneiro ingresou en prisión.
O home deulle unha brutal malleira a golpes á súa nai na vivenda familiar no lugar de Vila de Abaixo, na parroquia de Santa María de Sacos. Alí vivía ela e el tiña a súa vivenda fixada en Barro, aínda que nos días previos estaba coa súa nai na casa.
Era tan só o primeiro matricidio do ano na provincia. En setembro, E.G.D., de 61 anos, foi presuntamente asasinada polo seu fillo en Vilagarcía de Arousa. Foi achada morta no seu domicilio, tendida boca abaixo, entre abundante sangue e con feridas producidas por arma branca.
O mozo, de 22 anos, e investigado como presunto autor da morte violenta da súa nai, permaneceu hospitalizado en estado moi grave no hospital dous meses, pois se tirou desde o balcón do domicilio familiar despois dos feitos.
Finalmente, en novembro, tras recibir o alta, foi detido, pasou a disposición xudicial e acordouse o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza, investigado por un delito de homicidio.
Especialmente mediático e rechamante foi o asasinato presuntamente machista de M.C.P., de 49 anos, en Campo Lameiro, cuxo cadáver apareceu calcinado, xunto ao da súa parella, o 31 de maio nunha pista forestal do lugar de Caneda, na parroquia de Morillas, en Campo Lameiro.
Tras moita especulación, dez días despois, o ADN confirmou que os dous cadáveres localizados correspondíanse a unha parella de Moraña, José Ramón G.S, de 50 anos, e M.C.P., de 49, que levaban desaparecidos desde uns días antes do achado dos corpos.
Ela apareceu dentro dun coche calcinado e el a escasos metros e os seus corpos estaban totalmente calcinados. O estado dos cadáveres complicou as investigacións, aínda que aos poucos días xa se impuxo a hipótese de que se tratou dun crime por violencia machista.
O home fora condenado en dúas ocasións por violencia machista e os investigadores sospeitan que matou á súa parella calcinada dentro dun coche e logo acabou coa súa vida, aínda que nunca chegou a confirmarse de forma oficial como vítima de violencia de xénero.
A cuarta vítima mortal do ano foi T.D.J.G., unha traballadora do SAF de 48 anos á que mataron nO Porriño en xullo.
Os feitos sucederon nunha das casas dO Porriño ás que a vítima acudía para exercer a súa profesión. A traballadora, veciña de Mos, atendía á muller do presunto asasino e dias antes denunciara unha situación de acoso sexual por parte do home.
O día dos feitos, os investigadores localizaron á muller cun machadazo na cabeza e ao home sentado nunha esquina en silencio e cheo de sangue.
Permaneceu dous meses na Unidade de Psiquiatría do hospital Álvaro Cunqueiro, ata que se determinou que podía declarar. Logo, o xulgado enviouno a prisión, investigado por un delito de asasinato, aínda que coa indicación de cumprir a privación de liberdade nun módulo terapéutico ou institución análoga.