O suceso remóntase aos últimos días de 2024, pero marcou todo o inicio do ano deportivo na comarca pontevedresa, en toda Galicia e con gran repercusión a nivel nacional.
A finais de febreiro e tras máis de dous meses hospitalizado en estado crítico falecía Andrés Rico, espectador que foi agredido durante un partido de balonmán cadete feminino entre o Sanxenxo Balonmán e o BM Rasoeiro do Grove, celebrado en Vilalonga.
Non puido superar as graves lesións sufridas no tráxico incidente con outro espectador, cando presenciaba o partido que estaba a arbitrar o seu neto.
A Federación Galega de Balonmán (FGB) publicou ao confirmar o seu falecemento unha emotiva carta dirixida á vítima, na que expresou a dor de todo o mundo do deporte ante o sucedido.
"Que inxusto, que impotencia, canta indignación", afirmaba aquel texto público.
No mesmo, a FGB pedía perdón repetidamente por non ter sido capaz de evitar este "fatídico suceso" e por non actuar con maior contundencia contra a violencia no deporte.
Esta terrible agresión motivou que o balonmán galego iniciase o 2025 con partidos a porta pechada como medida para tentan concienciar sobre a eliminación da violencia no deporte. A iso uniuse un minuto de non xogo nas ligas nacionais de balonmán como sinal de repulsa.
Foi convocada ademais unha reunión extraordinaria da Comisión Galega de Control da Violencia, confirmando que xunto á denuncia imposta pola familia da vítima, segundo a Lei do Deporte de Galicia, o agresor expúñase a unha posible sanción económica de entre 60.000,01 euros até 650.000 euros.
Por último o balonmán galego aprobou a implantación de 'medidas extremas' para combater as protestas nos pavillóns. Entre outros aspectos deuse orde aos colexiados de non permitir queixas por parte de xogadores e adestradores, pero tamén con atención ás protestas subidas de ton por parte de familiares ou afeccionados, dando opción a adoptar medidas que van desde o apercibimiento ao desaloxo ou mesmo a suspensión do partido.
"Non queremos que a seguridade no noso deporte sexa un problema; non queremos que se normalicen os insultos, protestas ou agresións; non queremos que ninguén teña que expor a súa integridade física para evitar feitos tan preocupantes como o ocorrido; non queremos ter que educar aos adultos; non queremos ter que esixir sentido común e respecto", explicou a FGB tras a implatación dos novos protocolos.