O peche da delegación da CRTVG en Pontevedra volverá ao pleno da corporación municipal. Farao a través dunha moción que presentará o BNG e que ten como fin instar á Xunta de Galicia, como organismo do que dependen a radio e televisión públicas galegas, a que reabra esta delegación "en condicións equiparables" ao do resto de cidades de Galicia.
E é que os nacionalistas lembran na moción que desde o peche desta delegación, hai xa sete anos, Pontevedra é a única capital de provincia que non conta cunha sede da CRTVG.
Esta situación, ademais dos doce despedimentos e dos trece traslados á delegación de Vigo, provoca "un grave prexuízo a Pontevedra e aos seus veciños", xa que entenden que ven diminuído o seu acceso a unha información plural ante a ausencia dos medios públicos na cidade.
O BNG apunta que, xa cando a CRTVG pechou a súa delegación pontevedresa de forma "sorpresiva", o Concello de Pontevedra mostrou o seu rexeitamento a esta medida, tanto de forma institucional como apoiando as concentracións que os traballadores realizaron diante da sede pechada o 30 de novembro de 2010.
O grupo de goberno, xa recentemente no pleno, suxeriu a posibilidade de habilitar parte do edificio que remodelará a Xunta en Benito Corbal para situar nel unha delegación da CRTVG en Pontevedra.