A presidenta da Deputación Carmela Silva decidiu non responder ás declaracións de Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova de Arousa, nas que se refería a ela como "chacha para todo". No seu lugar, o portavoz do goberno provincial, Carlos Font, comparecía este luns para anunciar que a institución presentará unha demanda contra Durán por incitación ao odio.
Font sinalaba que os servizos xurídicos da Deputación presentará nos tribunais unha denuncia fronte ao que cualificou como ataques machistas, inxurias e calumnias por parte de cargos públicos.
O portavoz do goberno provincial afirmou que non se trata dunha demanda persoal para defender a Carmela Silva senón que se trata dunha iniciativa na que a Deputación quere poñerse en contra de todas aquelas persoas que utilicen unha linguaxe machista contra as mulleres.
Font cualifica de "bélica" a linguaxe utilizada polo máximo representante do Partido Popular en Vilanova de Arousa e, neste sentido, lamentou que nin o presidente nin o vicepresidente da Xunta se pronunciaran aínda sobre estas declaracións. Tamén afirmou que Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade, quedaría "inhabilitada" no seu cargo se non condena as palabras de Gonzalo Durán.
PETICIÓN DE DIMISIÓN
Tamén se reclama a dimisión de Gonzalo Durán como alcalde de Vilanova de Arousa ao entender que non pode quedar impune un minuto máis unha manifestación tan grave contra as mulleres neses termos despectivos, nos que se reiterou en posteriores declaracións.
Carlos Font entende que se empeza insultando á muller, sendo ofensivo con ela e pasando á violencia de xénero rematando por matala. O problema da violencia machista, segundo o deputado provincial, ten orixe neste tipo de descualificacións. "El que no se manifiesta en contra es cómplice", apuntou. Ademais, indicou que non é a primeira vez que se realizan declaracións como esta contra a presidenta da Deputación Provincial por ser muller e lembrou a dimisión de Jorge Caldas, concelleiro de Moraña, que cualificara a Carmela Silva de "mala zorra" e "sinvergüenza".
O portavoz do goberno provincial, formado por PSOE e BNG, apuntou que desde o venres recibiron miles de mensaxes de apoio á presidenta da Deputación e creouse unha onda de indignación social a teor das declaracións de Gonzalo Durán.