O goberno de Marín estuda as fórmulas para reducir un 40% as emisións de gases de efecto invernadoiro

Marín
15 de setembro 2020

A empresa encargada da redacción do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía no Concello de Marín sinala que os edificios residenciais e o transporte privado, ademais do tecido industrial, son os xeradores do maior consumo na vila

A empresa Inova Labs analiza con representantes da corporación e técnicos as melloras ambientais

Marín atópase adherido desde hai un ano ao Pacto de Alcaldías polo Clima, unha iniciativa da Comisión Europea na que participan máis de 10.000 municipios de 60 países de todo o mundo. 

Esta proposta ten como un dos seus obxectivos reducir en cada Concello un 40% as emisións de gases de efecto invernadoiro antes de 2030, ademais de adoptar melloras que axuden ao medio ambiente para afrontar o cambio climático.

O pacto establece que o Concello de Marín debe elaborar un documento estratéxico que sirva como guía para, detallando as características ambientais do municipio na actualidade, adoptar as mellores decisións. 

A empresa Inova Labs é a encargada de realizar ese Plan de Acción e este martes ofreceron a representantes da Corporación e técnicos municipais as súas primeiras conclusións. Destacan que os maiores xeradores de consumo enerxético no municipio son os edificios residenciais, o transporte privado e o tecido industrial.

Desde o goberno local sinalan que desde 2014 puxéronse en marcha medidas para reducir consumos, con cambios na iluminación pública a través do uso de LEDs. Tamén apuntan que a estratexia de mobilidade urbana sostible será outro dos aspectos que axudará nesta mellora ambiental.

Dentro do Plan incluiranse campañas dirixidas a divulgar as axudas existentes para realizar obras de eficiencia enerxética nos domicilios e ao mantemento de sistemas de xestión de residuos e compostaxe, como o que se implantou en Marín.

O  Concello pon ao dispor dos residentes o correo medio.ambiente@concellodemarin.es para que a cidadanía realice achegas a este proxecto.