O Pavillón de Carballedo recolle a preocupación da veciñanza polo proxecto eólico

Cerdedo Cotobade
05 de xuño 2021

Técnicos da empresa especializada Tysgal informaron aos asistentes da normativa e das obrigas inescusables que teñen que cumprir as iniciativas empresariais enerxéticas

O Pavillón de Carballedo recolle a preocupación da veciñanza polo proxecto eólico Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presidiu no pavillón de deportes municipal de Carballedo unha xuntanza veciñal informativa e da Comisión de Seguemento á que asistiron uns 60 veciños preocupados pola implantación de novos parques eólicos no municipio.

Os responsables da empresa Tysgal informaron aos asistentes da normativa e das obrigas inescusables que teñen que cumprir as iniciativas empresariais enerxéticas.

Esta é unha consultora especializada na defensa medioambiental que foi contrada polo Concello de Cerdedo-Cotobade para levar a cabo as alegacións que o Concello presentará en defensa dos intereses dos veciños e dos lugares ante a presenza de numerosos proxectos que teñen como obxectivo de implantación este municipio.

Nesta xuntanza analizaron o Parque Eólico Siroco de 61,6 MW, promovido pola entidade Greenalia Wind Power Tramontana, S.L.U., que tramita o Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico do Goberno de España e que acaba de someter a exposición pública por espazo dun mes para que os afectados poidan presentar as correspondentes alegacións que consideren oportunas.

Este proxecto eólico, que somete a trámite de información pública as solicitudes de Autorización Administrativa Previa e Declaración, en concreto, de Utilidade Pública, e o Estudio de Impacto Ambiental das súas instalacións, afectaría no seu desenrolo ás parroquias de Corredoira, Carballedo, San Xurxo e Santa María de Sacos e a liña de evacuación á de Cerdedo e pretende instalar un total de 11 aeroxeradores de 5,6 MW de potencia unitaria cun investimento aproximado de 52.449.140 euros.

O alcalde Jorge Cubela indicou que "o Concello seguirá facendo unha profusa labor informativa para evitar calquer tipo de desinformación e ocultismo e poñerá a disposición de tódolos interesados os servizos dos que dispón o Concello para que poidan acceder a todo tipo de asesoramento".

 

Arquivado en