O Carlos Oroza, un novo paso para "revivir" o gastromercado da praza de abastos
Por Alejandro Espiño
Tres postos do gastromercado da praza de abastos de Pontevedra terán a partir de febreiro novos inquilinos. Será o alumnado do CIFP Carlos Oroza, que realizará neles de maneira semanal actividades, mostras e propostas gastronómicas abertas a todo o público.
Esta incorporación forma parte da "folla de ruta" trazado polo goberno municipal para revitalizar este equipamento, que consideran "fundamental" para o propio mercado, segundo explicou a edil responsable de Promoción Económica, Anabel Gulías.
Unha das paradas dese plan será unha nova licitación para ocupar todos os postos libres, pero antes de que chegue ese proceso, a intención do Concello é "revivir" o gastromercado a través doutras alternativas que dinamicen todo este espazo.
Tras o balance "moi positivo" de todas as actividades do Nadal, chega agora o momento de asinar o convenio co Carlos Oroza, que ofrecerá unha "actividade novidosa" no mercado.
"É un luxo ter un centro como o Carlos Oroza, non só pola calidade e variedade da súa oferta educativa, senón polo seu compromiso e a súa disposición a colaborar con nós en iniciativas que benefician a esta cidade", explicou Gulías sobre a incorporación da escola.
O centro terá tres postos no gastromercado, o 6A, o 8A e o 10A, que estarán unidos e que están equipados para empezar a traballar. Iso si, o seu "non pretende ser un negocio, senón unha achega real e distinta para ao alumnado".
O obxectivo, segundo detallou a edil do BNG, é que o alumnado do Carlos Oroza "teña a oportunidade de probar e experimentar en vivo, con público real, as súas dotes e aptitudes", que todos eles están a adquirir durante a súa etapa formativa no centro.
"Isto vai máis aló da cesión dun espazo", engadiu Anabel Gulías, xa que pretende ser un primeiro paso para crear unha aceleradora de proxectos gastronómicos no gastromercado.
Relacionadas:
-
Semana para lembrar o poeta que dá nome ao CIFP Carlos Oroza e celebrar o Campionato de Sumillería
Por Redacción |
-
ZenToloz, receitas clásicas con toque innovador, produto Km0 e o aviso dun futuro prometedor
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
O mercado de Pontevedra, un laboratorio pioneiro en España
Por Natalia Puga |
-
Lanzan o "Plan Mercado", que busca converter a contorna da praza na "zona cero" do comercio local
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os postos baleiros do 'gastromercado' sairán a licitación "en breve"
Por Natalia Puga |
-
O 'gastromercado', en "paz absoluta" mentres segue en estudo un expediente por enfrontamentos
Por Natalia Puga |