Pontevedra acollerá unha das 10 oficinas de asesoramento personalizado sobre a factura eléctrica
Por Redacción
Pontevedra acollerá a partir de setembro unha das 10 oficinas que a Deputación de Pontevedra e a Unión de Consumidores de Galicia porán en marcha noutros tantos concellos da provincia co obxectivo de orientar e asesorar de forma individualizada a todos os interesados sobre a factura eléctrica e as medidas concretas que pode adoptar para reducir o seu recibo.
Así o anunciaron esta mañá Rafael Louzán, presidente da Deputación, e Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, nunha rolda de prensa na que anunciaron a posta en marcha dunha campaña que, baixo o título Electricidade: un camiño cara ao aforro, pretende poñer algo de luz no complexo mercado eléctrico actual.
A campaña constará de dúas fases: unha primeira, en marcha neste momento, que consiste nunha vintena de sesións informativas noutros tantos concellos da provincia, na que técnicos da Unión de Consumidores ofrecerán información sobre temas como: conceptos polos que se paga nunha factura de electricidade; as diferenzas entre o mercado libre e o mercado regulado e como saber cal convén máis; así como criterios para elixir o contrato, a tarifa ou a potencia que mellor se adapte á situación de cada consumidor e, en consecuencia, lle resulte máis económica.
A segunda fase consistirá na apertura no mes de setembro- dunha decena de oficinas en todas as comarcas da provincia, para atender de forma personalizada aos usuarios que así o desexen. Trátase de que os técnicos da Unión de Consumidores analicen caso por caso e orienten aos consumidores nese "camiño cara o aforro" que dá título á campaña.
As oficinas abriranse en Pontevedra, Lalín, A Estrada, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Cangas, Redondela, Ponteareas, Vigo e Tui.
DESCONCERTO
Neste sentido, o presidente da Deputación subliñou que se trata "de dar resposta a un dos problemas que máis preocupa aos cidadáns desta provincia nestes momentos, como é todo o referido á factura eléctrica".
Así, lembrou que "se xa nos resultaba difícil entender qué nos cobraban en cada recibo, qué facer para que non siga medrando de forma exponencial... os últimos cambios normativos están provocando unha situación de gran desconcerto" que fai que sexan moitos os usuarios que teñen "múltiples dúbidas, desde se é preciso facer algún trámite para adaptar os nosos contratos ao novo cambio normativo, ata se é preciso cambiar o contador, pasando por canto se vai pagar, que tarifa é a mellor.".
O secretario xeral da Unión de Consumidores cualificou de brutalmente agresivas as técnicas comerciais que están empregando as comercializadoras do mercado libre, tratando de atraer aos clientes con advertencias de que se lles remata o prazo para asinar un novo contrato cando, en realidade "o usuario non ten que facer ningún cambio de contrato".
Louzán destacou que é, precisamente, esta situación de desconcerto e de desconfianza xerado o que fai necesario "poñer en marcha un programa de actividades formativas e de asesoramento" que dean lugar a que "decenas de miles de pontevedreses" se poidan beneficiar dunha redución na súa factura enerxética.
Relacionadas:
-
Máis do 80% das 3.500 familias atendidas pola Unión de Consumidores pagaban de máis na súa factura eléctrica
Por Redacción |
-
Consumo detecta casos de familias pontevedresas enganadas polas empresas eléctricas
Por Oskar Viéitez |
-
Máis de 10.000 familias da provincia de Pontevedra perderon o bono social da luz
Por Oskar Viéitez |
-
Preto de 1.000 familias recibiron asesoramento sobre a factura da luz
Por Redacción |
-
Expertos tratarán de poñer luz sobre a factura eléctrica
Por Oskar Viéitez |