Máis do 80% das 3.500 familias atendidas pola Unión de Consumidores pagaban de máis na súa factura eléctrica
Por Redacción
Máis do 80% das 3.486 familias atendidas nas oficinas de asesoramento sobre aforro na factura eléctrica postas en marcha pola Deputación de Pontevedra e a Unión de Consumidores de Galicia estaban a pagar máis do que lles correspondería no seu recibo da luz. Así se desprende do balance de funcionamento destas oficinas, abertas ao público o 2 de setembro e que pecharon as súas portas o pasado 28 de novembro.
Cambios como adaptar a potencia contratada á realmente consumida, optar por unha tarifa de discriminación horaria que moitos dos usuarios descoñecían ou a posibilidade de acollerse a axudas públicas, son algunhas das vías que se lle abriron aos asesorados destas oficinas. Poderán aforrar desde 45 euros anuais como mínimo ata os 1.200 euros ao ano que poderá aforrar unha familia que, por un mal asesoramento, tiña contratada unha potencia moito máis elevada da que precisaba.
En canto aos aforros medios, oscilou entre os 100 euros anuais de media en fogares sen calefacción eléctrica e entre 200 e 250 euros para os fogares con calefacción eléctrica.
Moitos destes aforros están vinculados aos modelos de tarifa, xa que para moitos fogares optar por unha tarifa de discriminación horaria reducirá notablemente a súa factura da luz.
MERCADO LIBRE OU REGULADO
Outro dos temas máis repetidos nas oficinas de asesoramento foi todo o relacionado co mercado libre e o mercado regulado, dado o gran descoñecemento xeral existente en torno ás diferenzas, vantaxes e inconvenientes de cada un deles.
Así, nas oficinas detectouse que unha media do 36% dos usuarios está no mercado libre e que, en moitos casos, este paso ao mercado libre se fixo sen consentimento ou con información enganosa. Desta forma, foron moitas as familias atendidas que se interesaron polo procedemento para poder volver ao mercado regulado, para o que recibiron información detallada.
As axudas públicas, as tarifas de discriminación horaria, os novos contadores dixitais ou a potencia máis adecuada a cada fogar, foron outros dos temas abordados, aos que no mes de novembro se sumaron as consultas sobre o novo modelo de factura, que comezou a implantarse en outubro e que a moitos usuarios lles ocasionou dúbidas.
Tamén foron moitas as consultas sobre as cantidades cobradas de máis nos dous primeiros trimestres do ano e que as compañías deberían devolver (algo do que non se beneficiaron os usuarios do mercado libre).
A información detallada que se lle ofreceu a cada usuario, en base aos datos reais do seu fogar, e as claves para que cada un poida ler correctamente cada un dos apartados da súa factura deu lugar a unha satisfacción xeneralizada dos usuarios, máxime cando lle vai supoñer á inmensa maioría deles un aforro notable nos seus gastos mensuais.
OUTRAS CONSULTAS
As oficinas estiveron abertas, ademais, a consultas sobre outros temas de preocupación dos cidadáns, polo que, aínda que a maioría dos usuarios acudiu en busca de asesoramento para aforrar na súa factura de electricidade, tamén se atenderon consultas sobre o recibo do gas, seguros ou telefonía, entre outras.
Relacionadas:
-
A CIG propón que Galicia teña unha tarifa eléctrica máis barata que a española
Por Redacción |
-
Pontevedra reduce a factura da luz no 2014 en case un 20%
Por Alejandro Espiño |
-
Cada ano morren 800 persoas en Galicia a consecuencia de doenzas ou accidentes derivados do frío
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Consumo detecta casos de familias pontevedresas enganadas polas empresas eléctricas
Por Oskar Viéitez |
-
Amplían ata finais de novembro o servizo de asesoramento da factura enerxética
Por Redacción |
-
Preto de 1.000 familias recibiron asesoramento sobre a factura da luz
Por Redacción |
-
Expertos tratarán de poñer luz sobre a factura eléctrica
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra acollerá unha das 10 oficinas de asesoramento personalizado sobre a factura eléctrica
Por Redacción |