O PP denuncia que o Concello de Poio deixou sen contabilizar 600.000 euros en facturas de 2014
Por Redacción
O PP de Poio volve denunciar unha presunta irregularidade na xestión económica do Goberno local. Seguindo na liña das críticas que en 2013 xa puxo en coñecemento da Fiscalía de Pontevedra, este luns denunciou que se deixaron sen contabilizar 600.000 euros en facturas de 2014.
Segundo explica o PP, trátase de facturas que están rexistradas, pero que non se pagaron e delas non se sabía o seu alcance exacto. Agora vanse pagar con cargo aos orzamentos municipais de 2015 a pesar de que estes xa están aprobados.
Fronte a esta denuncia do partido da oposición, o alcalde, Luciano Sobral, asegura que si que hai máis de 500.000 euros (e non 600.000) en facturas pendentes de pago, pero nega que se vaian pagar con cargo aos orzamentos de 2015. De feito, no Pleno do mes de xaneiro levarase unha modificación extraxudicial de crédito por uns 280.000 euros para pagar a parte principal destas facturas e o resto correspóndense con gastos do mes de decembro e confía en que poidan pagarse con cargo a remanentes de tesoureiría que queden cando se peche o orzamento 2014.
O PP lembra que esta estratexia "pouco transparente" xa foi utilizada en anos anteriores polo Goberno local de Poio. En 2011 pagáronse 2 millóns de euros en facturas pendentes de 2010, en 2012 foi 1 millón de euros do ano anterior, e en 2013 e 2014 pagáronse case 800.000 euros de facturas pendentes. Despois de que o PP o denunciara en Fiscalía, o propio Ministerio Público trasladou o tema aos xulgados por presuntas irregularidades económicas.
En resposta a estas afirmacións do PP, Luciano Sobral, lembrou que dende o inicio da crise o Concello sufriu un desequilibrio entre ingresos e gastos que teñen que compensar e dende 2011 están a conseguilo. O obxectivo para este ano era reducir un 20% os gastos que quedaran pendentes de pago e lográrono, pois en 2013 foran uns 700.000 e agora está moi inferior e todo sen reducir servizos.
"A historia repítese un ano tras outro. ÿ unha práctica xa tradicional para este goberno e tal e como procederon en anos anteriores desconfiamos que no próximo pleno ou como moi tarde no seguinte se empecen a aprobar recoñecementos extraxudiciais ou a facer modificacións de crédito para poder pagar estas facturas", explican o voceiro do PP, Ángel Moldes.
Moldes lamenta a desvergonza do concelleiro de Seguridade, Xosé Luis Martínez (BNG), por presumir hai uns días de concello saneado, "cando sabe perfectamente que hai 600.000 euros en facturas sen pagar de 2014 e unha débeda bancaria que alcanza os 8 millóns de euros". "Xestionan un dos concellos máis endebedados de Galicia e aínda teñen a desfachatez de presumir delo", critica Moldes.
Relacionadas:
-
O PP de Poio responde ao Goberno local: "estamos fartos de vaciles, o único que queremos é que cambien a forma de gobernar"
Por Redacción |
-
O Goberno local de Poio: "estamos tranquilos porque non hai ningún desvío raro que se nos poida imputar"
Por Natalia Puga |
-
Fiscalía traslada ao Xulgado a denuncia do PP de Poio contra o Goberno local por anomalías económicas
Por Natalia Puga |
-
O PP de Poio denuncia ante Fiscalía "anomalías en temas económicos e de contratación" no Concello
Por Diego Espiño |