Tensión ante a sede da Xunta polo atraso das obras do Froebel
Por Oskar Viéitez & Diego Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Ía ser unha protesta máis, como as que protagonizaron noutras ocasións solicitando que se conclúan as obras de reforma no CEIP Froebel prometidas por Educación.
Por iso un grupo de pais e alumnos do centro educativo partiron dende o propio colexio á hora de entrada a clase para dirixirse en peregrinación á sede da Xunta en Campolongo, onde pretendían entregar un escrito de protesta no rexistro.
Querían solicitar unha reunión co Xefe Territorial de Educación, César Pérez Ares, "para que se comprometa a executar as obras da denominada terceira fase", que son en síntese as do patio e as aulas que teñen o seu fronte á Praza de Concepción Areal.
O que non esperaban era que ao chegar fronte á Cidade Administrativa da Xunta se lles ía restrinxir o acceso, unha decisión que provocou momentos de moita tensión entre membros da Policía Autonómica e os pais dos alumnos, cos nenos presenciando a escena.
Con problemas, de un en un primeiro e en pequenos grupos máis tarde, foron accedendo ao recinto no momento que saía algún dos seus compañeiros de protesta, non sen antes mostrar a súa indignación polas trabas para entrar a un edificio público e a espera que lles foi imposta.
En relación ás obras, a súa decepción nace da promesa política formulada no ano 2011 cando a Consellería de Educación aprobou un plan de reforma integral do Colexio divido en tres fases. A primeira cumpriuse con "éxito", a segunda fase deuse por concluída "con importantes carencias e defectos", e a terceira non se vai facer a curto prazo.
Este colectivo de pais recorda que ao longo dos anos "foron numerosas as queixas que se viñeron presentando como consecuencia do mal estado que presenta o inmoble que chegou a ter consecuencias directas coas caídas de pranchas do teito, filtracións de auga constantes no patio e noutras zonas da cuberta que orixinaron inundacións tanto no patio coma nalgunhas aulas".
Na reunión que representantes do ANPA e do equipo directivo do centro mantiveron co xefe territorial de Educación no mes de abril, informóuselles que as obras da terceira fase non eran prioritarias e ían sufrir un parón, e que cando menos habería que esperar un par de anos para levalas adiante.
A comunidade escolar mostrou a súa desconformidade co devandito aprazamento e como primeira medida consensuaron solicitar unha entrevista con Pérez Ares para esixir un calendario de execución das obras, coa súa correspondente dotación presupostaria para o ano 2016.
PÉREZ ARES REITERA QUE AS OBRAS NO SON PRIORITARIAS
Nun comunicado remitido aos medios, o xefe territorial da Consellería de Educación en Pontevedra "lamenta" que a comunidade educativa do CEIP Froebel "esqueza que a actual Administración educativa foi a única que se preocupou polo estado das instalacións do colexio e que lles buscou solución" e que leva investidos máis de 872.000 euros destinados a executar as fase 1 e 2 do proxecto de mellora do colexio.
Neste escrito, César Pérez Ares salienta que as persoas que se presentaron este xoves na Delegación da Xunta "rexeitaron ser atendidas polo arquitecto, que se ofreceu a explicarlles a situación".
Finalmente, despois de indicar que está reservada para o 2016 unha partida duns 70.000 euros para rematar a segunda fase, di que "en canto a terceira fase do proxecto de reforma do centro, que supón un investimento de un millón de euros, adiarase para executar obras en centros que – unha vez xa se atenderon as principais necesidades no Froebel- agora son prioritarias ".
Polo tanto, a última fase do proxecto de reforma "irase analizando e executando en función das posibilidade orzamentarias".
Relacionadas:
-
Os pais do Froebel e Educación achegan posturas a tres días do inicio do curso
Por Redacción |
-
Os pais do Froebel queren que a Xunta se desculpe con eles
Por Oskar Viéitez |
-
Chega ao Parlamento a reivindicación das obras incompletas do Froebel
Por Oskar Viéitez |
-
Educación replica aos pais que hai outras prioridades antes que arranxar o Froebel
Por Oskar Viéitez |
-
A ANPA do Colexio Froebel alerta dos riscos que presentan as instalacións para os escolares
Por Redacción |
-
Os socialistas esixen á Xunta que remate as obras do colexio Froébel
Por Redacción |
-
A última fase das obras no colexio Froebel terá que seguir agardando
Por Redacción |