O atropelo dunha muller na Cendona abre de novo o debate da seguridade viaria no tramo urbano da N-550
Por Diego Espiño
Afortunadamente quedou só nun susto, un grande susto que volve abrir o debate sobre a seguridade viaria no tramo urbano da Nacional 550 ao seu paso por Lérez.
Xusto no punto no que se produciron varias manifestacións de veciños, reclamando a instalación de pasos de peóns e medidas do acougado de tráfico, Isabel Tobío sufriu este venres un atropelo.
A ausencia de lugares para cruzar a vía en varios quilómetros "obriga aos cidadáns a cruzar con frecuencia a calzada, asi como aos nenos todas as mañás para coller o autobús escolar", explica Jacobo Mesías, neto da muller ferida.
No caso da súa avóa este venres, sobre as 21:00 horas, dispúxose a cruzar a estrada na Cendona para dirixirse á súa casa desde a perruquería "con tan mala sorte que non lle deu tempo a chegar completamente ao arcén contrario, unha furgoneta que circulaba en dirección Santiago non puido vela cruzar e impactoulle co retrovisor dereito", relata Jacobo, que asegura que o vehículo en cuestión viaxaba á velocidade permitida.
A consecuencia do golpe a muller golpeouse tamén contra o chan e "a piques estivo de ser atropelada polo coche que circulaba detrás".
Tras ser atendida no punto por efectivos do 061, Isabel foi trasladada ao Hospital de Montecelo e posteriormente ao Provincial, onde foi atendida polo especialista en oftalmoloxía. Descartadas lesións de gravidade, as consecuencias limítanse finalmente a diversas mancaduras.
"Xa non é o primeiro susto que se produce, pero si o que tivo unhas consecuencias peores, e si non se adoptan medidas lamentablemente acabará sucedendo unha desgraza", conclúe o neto de Isabel canso, di, "de que a administración non faga nada para solucionar este problema".
Os veciños desta zona solicitaron hai meses a Fomento, titular da vía, unha solución ao problema de seguridade viaria na zona e, tras unha reunión con representantes do ministerio, lograron o compromiso de instalar alí dous semáforos para peóns, pero polo momento aínda non se fixo efectivo.
Relacionadas:
-
As chuvias provocaron accidentes leves por saída de vía
Por Diego Torrado |
-
Fomento autoriza a instalación dos semáforos que reclaman os veciños de Lérez
Por Oskar Viéitez |
-
Fomento recibirá os veciños de Lérez que reclaman medidas de seguridade na estrada N-550
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños de Lérez volven tomar á estrada da Coruña para reclamar medidas que calmen o tráfico
Por Redacción |
-
Manifestación arredor da rotonda de Médico Ballina ao berro de "lombos xa"
Por Natalia Puga |