A antiga sede da Xunta en Benito Corbal conta ao fin cun proxecto para a súa rehabilitación
Por Diego Espiño
Era unha das principais reivindicacións de todos os grupos que compoñen a corporación municipal. Foi de feito una das cuestións tratadas o pasado mes de xullo nunha reunión entre o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Entoces o presidente autonómico comprometeuse a informar o alcalde da capital cando a adminitración autonómica tomase unha decisión, e esa comunicación produciuse este venres mediante unha carta.
A Xunta de Galicia conta ao fin cun proxecto de rehabilitación e uso da que foi durante moito tempo a súa sede central na cidade, na rúa Benito Corbal.
Os plans do goberno galego pasan por "remodelar todo ese edificio" e seguir dedicándoo "só a servizos públicos", explicou este sábado en Meaño o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
En primeiro lugar, aproveitarase para reunir nas plantas baixas do edificio de Benito Corbal diversos servizos de atención ao público da Xunta de Galicia que agora están repartidos por varios lugares da cidade, fóra do edificio administrativo de Campolongo.
Por outra banda destinaranse dúas plantas a entidades sociais e sanitarias sen ánimo de lucro, ás que se lle ofrecerá a posibilidade de poder contar cun local, oficinas que estarían situadas a continuación dos servizos autonómicos e que contarían cun acceso independente desde a rúa.
Por último, o resto das dependencias serán cedidas á Universidade de Vigo, que ten "intención de situar unha serie de servizos" no centro da cidade, explicou Alfonso Rueda, quen cre "sinceramente que todos saímos gañando, porque non tiña ningún sentido que a estas alturas ese edificio seguira pechado no centro de Pontevedra".
Segundo a carta enviada ao Concello de Pontevedra, a Xunta presentará "en breve" o proxecto de remodelación e novos usos do céntrico edificio. Tras recibir a misiva, o goberno local de Pontevedra mostrouse confiado "en que a decisión da Xunta se materialice o antes posible en beneficio de todos os axentes implicados"
Relacionadas:
-
O edificio da Xunta en Benito Corbal abre as súas portas para un 'recoñecemento'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Unha pel de aluminio e un corazón social para o edificio de Benito Corbal
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Campus Crea e o edificio da Xunta de Benito Corbal, novo "campo de batalla" municipal
Por Redacción |
-
As dúas oficinas de emprego múdanse de Eduardo Pondal a Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |
-
Unha delegación da CRTVG en Benito Corbal?
Por Alejandro Espiño |
-
Lores buscará o respaldo da Corporación para reclamar a Feijoo que ceda o edificio de Benito Corbal
Por Oskar Viéitez |
-
Alfonso Rueda arrefría os plans do Concello para converter en viveiro de empresas a vella sede da Xunta en Benito Corbal
Por Oskar Viéitez |