Revolución na circulación do centro da cidade
Por Alejandro Espiño
Unha revolución "para mellor". Así describiu o concelleiro de Mobilidade, Luís Bará, os cambios que o goberno municipal estuda aplicar na circulación de gran parte da zona centro da cidade. Haberá modificacións en Benito Corbal, Sagasta, Cruz Gallástegui, Castelao, Daniel de la Sota, Cobián Roffignac, Joaquín Costa, Lepanto ou Peregrina, entre outras. O obxectivo, acabar co tráfico de paso e limitalo a residentes e servizos.
Estes cambios están a ser analizados polos técnicos municipais e pola Policía Local, para adoptar a mellor solución para este ámbito urbano. Preténdense aplicar ao longo dos próximos meses, pero antes presentaranse a veciños e comerciantes da zona.
"A filosofía é facilitar o acceso, pero non o paso dos vehículos", indicou o edil do BNG, de forma que "poida chegar mellor quen ten un garaxe, quen ten unha urxencia ou quen queira facer calquera compra".
Todo parte do proxecto do Concello para peonalizar o eixo que forman Benito Corbal, Sagasta, Cruz Gallástegui, Castelao e Daniel de la Sota que, tal e como estaba anunciado, pasarán a contar cunha plataforma única -cun pavimento similar ao aplicado en Barcelos-, elevando a calzada á altura da beirarrúa. Terá un tratamento similar a Michelena e Gutiérrez Mellado, con acceso permitido a residentes e servizos.
Esta actuación, solicitada por veciños e comerciantes destas rúas, é "prioritaria" para o goberno municipal. Estúdase ademais que teña continuidade por Benito Corbal ata a nova praza diante do Hospital Provincial. Todas as prazas de aparcadoiro neste ámbito urbano serán para servizos, cun tempo máximo de uso de quince minutos.
Luís Bará adiantou que, mentres que Benito Corbal manterá o seu sentido actual de circulación, prevese invertir Daniel de la Sota, Castelao e Cruz Gallástegui. A iso súmase que, desde a rúa Rouco, poderase baixar cara a Cobián Roffignac ou -e este é outro cambio- subir cara a Daniel de la Sota, garantindo así o acceso das ambulancias ao Hospital Domínguez desde a praza de Barcelos.
A iso súmanse os cambios noutras rúas próximas a Benito Corbal como Lepanto, que tamén cambiará de sentido, igual que se estuda facer en Joaquín Costa desde Uxío Novoneyra ata Sagasta, para que o tráfico desde Eduardo Pondal poida acceder a esta zona da cidade. Previsiblemente tamén haberá modificacións en dúas rúas que se reformarán proximamente como Javier Millán e José Casal.
RECUPÉRASE O POLÉMICO XIRO Á ESQUERDA EN PEREGRINA
Pero una das medidas máis sorprendentes é que o Concello pretende recuperar o polémico xiro á esquerda na rúa Peregrina desde Andrés Mellado, cuxa eliminación xerou no seu día numerosas protestas de veciños e comerciantes da zona. "Todo ten o seu momento", explicou Bará, que sinalou que o goberno municipal entende que é unha medida que hai que aplicar agora ante todos os cambios na circulación rodada no centro urbano.
Ademais, tamén se habilitará plataforma única na rúa Virxe do Camiño aínda que, polo momento, non se expoñen cambios na circulación.
Relacionadas:
-
Nova imaxe para a rúa Cruz Gallástegui
Por Redacción |
-
Arranca a reforma da rúa Cruz Gallástegui
Por Redacción |
-
Entre San Xoán e San Bieito reformaranse Cruz Gallástegui, Castelao e Daniel de la Sota
Por Oskar Viéitez |
-
Cambio de sentido en Cobián Roffignac e outra serie de propostas do PP para reordenar o tráfico
Por Natalia Puga |
-
Os cambios en Barcelos reducen nun 61% o tráfico en todo este ámbito urbano
Por Redacción |
-
A reordenación do centro urbano comezará por Cruz Gallástegui e Castelao
Por Redacción |
-
O PP consultará con veciños e comerciantes os cambios de tráfico no centro
Por Redacción |
-
Música e xogos infantís na estrea da "Praza do Hospital"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A peonalización de Castelao e Cruz Gallástegui, prioridade para 2016
Por Alejandro Espiño |