José María Domínguez, presidente da Comunidade de Montes de Campañó e José María Fernández Cortizo, apicultor xubilado, coñecen perfectamente que é e como se comporta ese insecto depredador que puxo en xaque ao medio ambiente europeo. A avespa velutina chegou a Europa a través do porto de Burdeos. En 2004 dun colector procedente de Asia lograron sobrevivir unha raíña e doce machos.
En 2010 chegou a España e segundo afirma Domínguez "quedan tres ou catro anos para que termine de invadirnos". Para facerlle fronte en Pontevedra acábase de crear un grupo de voluntariado, do que fala nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio, o concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Oubiña.
Como identificalas?, como son os seus niños?, de que se alimentan? como localizan as colmeas das que se alimentan?... son cuestións que expomos no programa e cuxa resposta é tan asombrosa como explican: "a cría, a larva, para subsistir necesita proteína e usan a carne de insectos como as abellas. Así a cojen, arríncanlle patas, cabeza, o abdome e quedan co tórax, onde está a proteína. A larva que recibe esa carne segrega unha sustancia azucrada, que pensamos é adictiva, porque lles fai necesitar xa continuamente desa proteína".
Os apicultores por tanto, enfróntanse a unha praga de máxima consideración, lembra Cortizo.
Son moito máis frecuentes en contornas rurais e preto de lugares onde haxa auga. Os seus niños adoitan ter o tamaño dun balón, aínda que se localizaron de un tamaño moito máis considerable e son de celulosa "fabricada por elas tras masticar a savia das árbores". En canto ao risco cara ás persoas, en Pontevedra déronse casos de ingresos en Urxencias debido á picadura desta especie invasora. Os tertulianos recomendan ter precaución cando se manipule maquinaria ruidosa e mesmo algún remedio caseiro para eliminalas en vivendas.
Coa iniciativa de voluntariado do Concello de Pontevedra facilítase un número fixo para avisar da presenza de avespas velutinas que é o 986 100 185, extensión 7583 e o 679 411 930. Este número de móbil é unicamente válido para enviar a través de whatsapp as coordenadas en que se localizou algún niño.
"É difícil, moi difícil, acabar con elas; pero hai que subliñar o ímpeto das persoas que están a colaborar e temos que agradecerllo", apuntaba o concelleiro Alberto Oubiña.