A campaña turística "Fame de experiencias" chega ao mobiliario urbano de Madrid
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva anunciou que, dentro da promoción turística 2019 de Rías Baixas, de cara á temporada de Semana Santa e de verán impulsarase unha campaña de publicidade exterior para espertar a "Fame de experiencias" en rúas madrileñas de grande afluencia de persoas e no aeroporto Adolfo Suárez.
O Plan Estratéxico de Turismo situou á capital do Estado como lugar prioritario para a promoción deste destino.
Para a Semana Santa, concretamente entre o 15 de marzo e o 15 de abril, a Deputación vai promover o destino Pontevedra provincia en Madrid a través de 20 mupis repartidos nos intercambiadores de transporte público da Avenida de América, Praza de Castilla e Príncipe Pío.
E xa de cara ao verán, en xuño, a Deputación de Pontevedra contratará 40 mupis dixitais da zona de saídas de voos nacionais e internacionais da Terminal 4 do aeroporto de Barajas –Adolfo Suárez.
VISITAS CARACTERIZADAS AO CASTELO DE SOUTOMAIOR
Nesta mesma rolda de prensa Carmela Silva deu a coñecer que desde este venres é posible reservar praza, na web www.castelodesoutomaior.com, para participar en "Camelia e moda", as primeiras visitas caracterizadas ao Castelo de Soutomaior que terán lugar os días 23 de febreiro e 3 e 10 de marzo.
Tres guías caracterizadas de María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Coco Chanel serán as protagonistas destas visitas que se desenvolverán en cinco sesións de hora e media de duración os días 23 de febreiro (11.00 horas), 3 e 10 de marzo (12.00 e 16.00 horas).
O goberno de Carmela Silva lanza tamén as visitas temáticas "A ruta da camelia" para percorrer os xardíns, en plena floración dos máis de 400 exemplares que ten o Castelo. En total ofértanse 450 prazas, 30 por cada unha das sesións.
Relacionadas:
-
Unha gala de cine chea de festa e glamour para presumir de turismo nas Rías Baixas
Por Redacción |
-
Doce novas rutas tematizadas para dar a coñecer a provincia
Por Almu Dapena & Victoria Regueira |
-
A Deputación presenta a nova guía de mosteiros das Rías Baixas
Por Oskar Viéitez |
-
"Vivimos nun lugar que namora"
Por Redacción |
-
Pontevedra presenta en Fitur unha oferta turística que sacia a "fame de experiencias"
Por Redacción |