Raxó maniféstase para "facer unhas festas á altura da parroquia"
Por Diego Torrado & Redacción
Varios centenares de persoas manifestaron este sábado "en defensa das Festas de Raxó e contra a discriminación da nosa parroquia por parte do goberno municipal".
Os manifestantes reclaman ao Concello de Poio que elabore "unhas bases claras e obxectivas para a concesión de axudas a eventos" e mentres esta solución non se articula esixen a mesma axuda económica que se prestou o pasado ano para "facer unhas festas á altura da parroquia".
A Comisión de Festas do Raxó Club de Fútbol, impulsores e organizadores das devanditas festas, acusou ao Concello de Poio de "confundir e deslexitimar" as súas peticións e actuar de forma "desleal".
Así, reprochan a publicación "selectiva" de información sobre axudas do Concello destinadas a estas Festas de Raxó "pero non a moitas outras asociacións e eventos".
Tamén insiste a Comisión que o concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez díxolles que o servizo de Policía Local custaba 400 euros que serían descontados das axudas deste ano, do mesmo xeito que a iluminación que tería un custo de 4.500 euros, á marxe doutros elementos como baños públicos ou valos.
No ano 2018 o Concello pagou facturas por valor de 6.000 para as Festas da Saleta, e que serviron para sufragar parte das actuacións musicais e dos fogos artificiais.
Os membros da Comisión de Festas entenden que "o prexuízo á Festa por esta decisión do Concello é enorme" xa que aumenta o custo do evento para o Raxó CF en varios miles de euros.
Ademais a Comisión de Festas do Raxó Club de Fútbol cre que o Concello actúa de maneira "discriminatoria" e quere saber se ese recorte tamén se realizou noutros eventos xa que sospeitan "que non é o caso".
Finalmente, puntualizan que a Comisión "non pide axudas ao Concello para pagar unha orquestra ou outra nin solicita máis do que a entidade das festas e os veciños de Raxó merecen" e destacan que os eventos que este colectivo organizou durante o ano pasado "supuxeron unha aldabonazo para a vida e a economía da nosa parroquia".
PARTIDO POPULAR
Dende o Partido Popular a concelleira Nati Torres destacou o gran traballo que fan os colectivos e asociacións de Poio e pide que as cuantías das axudas se manteñan.
"Coa chegada do Tripartito estamos a ver que non cambia nada, todo o contrario: pasamos de pagar 2 soldos a pagar 3, o equipo de goberno é aínda menos transparente do que era, e iso que era dificil, e agora lle recortan ás asociacións e aos veciños para subirse eles o soldo máis do 15%", lamentou a edil do PP.
Relacionadas:
-
París de Noia inaugurará as Festas da Saleta en Raxó
Por Redacción |
-
O Concello de Poio achegará 6.000 euros para as Festas da Saleta, en Raxó
Por Redacción |
-
A veciñanza de Raxó maniféstase este sábado en defensa das festas da parroquia
Por Redacción |
-
O Concello de Poio creará unha liña de subvencións para os eventos festivos e culturais
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños de Raxó decidirán en asemblea se adoptan medidas de presión ante o Concello polas festas
Por Oskar Viéitez |