Propoñen que Protección Civil colabore na loita contra a práctica das "pexas"
Por Redacción
A Asociación Animalista Libera e a Fondation Franz Weber, as dúas organizacións que durante case os últimos tres anos impulsaron unha campaña constante contra a práctica gandeira de colocar "pexas" ou "trancas" nas patas dos cabalos gabou a iniciativa posta en marcha pola agrupación local de Protección Civil de Marín, que recentemente se "botou ao monte" para liberar cabalos prisioneiros.
Estas organizacións en defensa dos animais foron máis alá ao propoñer que todas as agrupacións de Protección Civil colabore nesta tarefa xunto coas autoridades da comunidade e as forzas de seguridade.
Os animalistas galegos e suízos móstranse preocupados pola falta de novas condenas xudiciais por colocar toda clase de artefactos inmobilizadores, aspecto que achacan á "irrisoria" porcentaxe de gandeiros que identificaron os cabalos, a pesar de ser unha esixencia europea. Por iso, a iniciativa de participación de voluntarios de Protección Civil podería crear un importante precedente, xa que á vez que se liberan os animais, se recollen datos e información para as autoridades e as propias Fiscalías de Medio das catro provincias da comunidade.
Para impulsar estas accións, as organizacións consideran necesaria a participación da Xunta, que axude a dotar de fondos e formación axeitada aos participantes, que poderían colaborar cos axentes do Seprona e da Policía Autonómica, así como as patrullas contra os incendios, para fomentar a liberación dos cabalos inmobilizados.
Dende o inicio da campaña "Sen Pexas", LIBERA! e Fondation Franz Weber documentaron a presenza dun mínimo de 150 cabalos con cepos, cordas e outros artefactos ata con cadeas. De todos estes casos, que suman 99 denuncias, só se pode recoñecer unha única detención. Isto supón unha porcentaxe de éxito inferior ao 2% por culpa da nula implantación do microchip transpondedor. A esixencia da UE de colocar este sistema podería exercer un efecto disuasión moi importante.
Relacionadas:
-
O eixo Pontevedra-Moaña lidera as denuncias por cabalos con 'pexas' que recibe a asociación Libera
Por Redacción |
-
Os concellos de Marín e Vilaboa colaborarán coa Xunta na recollida de cabalos soltos ou con trancas
Por Diego Espiño |
-
Denuncian a Xunta ante a Unión Europea pola problemática dos cabalos con cepos
Por Oskar Viéitez |
-
Libera denuncia ameazas telefónicas de gandeiros a Protección Civil de Marín pola retirada de 'pexas' a cabalos
Por Redacción |
-
O Parlamento de Galicia insta desenvolver medidas contundentes contra a práctica das "pexas"
Por Oskar Viéitez |
-
Eurodeputados verdes denuncian a práctica das "pexas" nas Rías Baixas
Por Redacción |
-
Denuncian a presenza de cabalos con pexas no Lago de Castiñeiras
Por Diego Espiño |