Feijóo insta os populares pontevedreses a facer unha campaña "que non moleste á xente"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, participou este xoves na Xunta Directiva provincial do PP de Pontevedra na que trasladou o seu "máximo interese" por facer unha campaña "que non moleste á xente" que está "farta de tantas eleccións", dixo.
"Poñer en valor o que nos une" será a estratexia que marquen os populares ao redor de "un proxecto para a inmensa maioría dos galegos", sinalou Feijóo "fuxindo do enfrontamento" coa "opción multipartita que non sabemos moi ben quen lidera", engadiu.
Para o líder dos populares galegos hai "catro ou cinco partidos que queren gobernar Galicia cando non son capaces de gobernarse a si mesmos".
Nesta liña, Núñez Feijóo instou aos seus a "explicar que fixemos coa confianza dos galegos na última década" e presentar o proxecto do PP "para a seguinte década".
Núñez Feijóo mostrouse convencido de que "soamente hai dúas opcións" a que representa un goberno saído das urnas "de forma directa a través dos votos" ou ben, "se a esa forza, despois de gañar as eleccións fáltalle un escano para a maioría absoluta, podería gobernar o multipartito" cuxas siglas "aínda non somos capaces de concretar".
O presidente do PPdeG cre que esta Comunidade necesita un goberno "que só dependa dos intereses dos galegos" e que "fale claro" en asuntos como o tren de alta velocidade, as industrias electrointensivas, as empresas radicadas en zonas de dominio marítimo terrestre, da pasteira ENCE, ou "que defenda o diñeiro que se lle debe a Galicia por parte do Goberno central".
"Por encima do Partido Popular, por encima de nosa propia militancia, nós somos militantes de Galicia, debémonos aos galegos e ás galegas", proclamou Núñez Feijóo.
NEGOCIACIÓN CON CIUDADANOS
Atendendo ás preguntas dos xornalistas minutos antes de empezar a Xunta Directiva provincial do PP de Pontevedra, o presidente do Partido Popular de Galicia lembrou que ata o día 1 de marzo "temos posibilidade de atopar puntos de encontro con Ciudadanos", e precisou que "se pode ser cos dirixentes de Ciudadanos en Galicia, moito mellor", unha mensaxe que xa lle trasladou á portavoz de Ciudadanos no Congreso, Inés Arrimadas.
"En canto Ciudadanos queira volver retomar conversacións para ver como podemos avanzar na próxima semana nós estamos en disposición de sentarnos e insisto, moito mellor se é con dirixentes de Ciudadanos en Galicia", afirmou Núñez Feijóo.
O líder dos populares galegos destacou que "a lóxica proporcional e o que acredita a boa fe" é que "os que non teñen representación póñanse de acordo con aqueles que teñen maioría para así ser máis grandes e ir máis unidos" todo iso "se de verdade queremos preservar un goberno autonomista constitucionalista".
Núñez Feijóo indicou que o obxectivo da formación ten que ser "axudar para que, entre todos, blindemos un goberno que dependa só dos galegos e que non dependa dos nacionalistas, independentistas, das distintas Mareas de Podemos, de Esquerda Unida do Partido Socialista, de Anova, etc, etc".
Tal e como resumiu Feijóo, "que ninguén se aproveite de ninguén e que todos sirvamos a Galicia".
Relacionadas:
-
Lupe Murillo repetirá, como número 5, na candidatura do PP ás eleccións galegas
Por Alejandro Espiño |
-
Corina Porro e Alfonso Rueda escoltarán a Núñez Feijóo na candidatura do PP ás eleccións galegas
Por Redacción |
-
Feijóo asegura en Pontevedra que "en motivación e gañas son o candidato máis mozo"
Por Oskar Viéitez |
-
Ana Pontón asegura que Pontevedra será o "espello" ao que mirará o BNG se goberna en Galicia
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |