Talleres de cociña, percusión e manualidades con flores esta fin de semana no Ganapán
Por Redacción
O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no segundo andar do Mercado de Abastos de Pontevedra, desenvolverá esta fin de semana unha variada oferta de talleres creativos e gastronómicos.
As actividades, que van destinadas a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, terán lugar o sábado 10 de abril e o domingo 11, en dúas sesións cada día que comezarán ás 11:00 e ás 12:30 horas.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, explicaba que o sábado se celebrará un taller "que achegará aos máis pequenos á gastronomía de países como Venezuela ou Colombia e na que se elaborarán arepas, convidándoos a viaxar e amasar". Ademais, os asistentes terán a oportunidade de crear marcos de flores, xogando coas diferentes especies e as follas.
No que se refire á xornada do domingo, a edil socialista avanzaba que o Espazo Gastro ofertará a posibilidade de cociñar unha saborosa receita de tostas mariñeiras "empregando os mellores produtos das vendedoras da Praza de Abastos". Tamén haberá un obradoiro de percusión baixo o título de ‘Retumba’, no que se convidará á rapazada a inventar ritmos de percusión para animar o último trimestre deste curso.
Todos aqueles rapaces interesados en participar deberán inscribirse previamente a través do correo electrónico oganapan@gmail.com ata as 20:00 horas do día anterior ao comezo das actividades. Con todo, recoméndase non agardar ao último momento para apuntarse xa que as prazas son limitadas. Os talleres desenvolveranse en grupos reducidos, con lista de agarda e, no caso de que alguén se dea de baixa, chamarase ao seguinte rapaz. Para que a inscrición sexa válida é obrigatorio mandar nun correo a seguinte información: nome e apelido do neno ou nena, idade, teléfono, día e hora nos que quere apuntarse e indicar se é para o Espazo Crea ou o Espazo Gastro.
Relacionadas:
-
Os talleres do Ganapán traen actividades inspiradas en Exipto e Italia para esta fin de semana
Por Redacción |
-
O Ganapán ofrece para a fin de semana talleres de cociña e para descubrir os segredos do mar
Por Redacción |
-
As inscricións no Ganapán darán prioridade aos nenos que non participasen antes
Por Redacción |
-
Un sistema informático axudará a evitar aglomeracións no Mercado de Abastos
Por Redacción |
-
Obradoiros creativos e gastronómicos, oferta do Ganapán durante a Semana Santa
Por Redacción |