A APDR solicita a retirada do proxecto eólico no Monte Castrove
Por Redacción
A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) vén de remitir á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería do Medio Ambiente, Territorio e Vivenda un informe de alegacións ao 'Documento de Inicio do proxecto do Parque Eólico Castrove'.
A APDR explica neste escrito os danos ambientais, económicos e sociais que carrexaría a construción do parque eólico no Monte Castrove.
Indica a asociación ecoloxista que "o primeiro documento a exposición pública na tramitación deste proxecto contén un enganoso argumentario co que pretende facer pasar por certas dúas falsidades".
A primeira destas falsidades, segundo expresan, sería a suposta necesidade da construción dun parque eólico no Monte Castrove para cumprir coa transición enerxética á que obrigan os obxectivos comunitarios e o Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030.
Neste sentido declaran que "ninguén dubida da necesidade de reducir a emisión de gases de invernadoiro e dos beneficios ambientais das enerxías renovables, pero sempre permitindo harmonizar o desenvolvemento destas enerxías coa consecución doutros obxectivos fundamentais para manter o necesario equilibrio entre a nosa sociedade e os sistemas naturais, a conservación da biodiversidade, os hábitats, os solos, os recursos hídricos ou os recursos naturais".
Para a APDR existen alternativas de modos de produción non impactantes e con aforro no consumo de enerxía eléctrica que fan absolutamente innecesaria a construción de estruturas cun forte impacto como é o parque proxectado. Ademais, alegan que Galicia é pioneira en España no desenvolvemento de enerxía eólica e que xa sufriu importantes impactos ambientais, "polo que asumir máis degradación podería poñer en perigo o seu propio futuro social e económico".
A segunda falsidade que detecta a Asociación pola Defensa da Ría consiste en que, a pesar de que no Documento de Inicio se recoñece a afección a cinco hábitat prioritarios e de interese comunitario, á fauna local e rexional, aos solos xa de por si degradados polos incendios forestais e aos recursos hídricos, "cando toca cualificar esa degradación, considéraa compatible coa construción do parque! Este é o grande engano!", manifestan no seu escrito.
A realidade é que, engade a APDR, a construción deste parque con aeroxeneradores de máis de 200 metros de altura cambiaría a fisionomía da Ría de Pontevedra e "afectaría negativamente ás actividades relacionadas co turismo, ao converter paisaxes naturais en paisaxes industriais. Os danos ambientais e á economía da zona serían, sen dúbida, moi severos".
Por estas razóns, a APDR solicita a interrupción da tramitación e a retirada do proxecto de parque eólico no Monte Castrove.
Ao tempo, chama á cidadanía a participar na Andaina Reivindicativa ao Alto do Castrove que partirá o domingo 29 de agosto ás 11 horas da mañá da Capela de San Ramón, no lugar da Escusa.
Relacionadas:
-
A plataforma contraria ao parque eólico do Castrove convida os comuneiros a visitar un polígono para "vivir a experiencia"
Por Redacción |
-
Andaina dende a Escusa en sinal de protesta polo Parque Eólico no Castrove
Por Redacción |
-
Alegan contra o parque eólico do Castrove polo seu "grave impacto" no municipio
Por Redacción |
-
Entregan á Xunta máis de cincocentas alegacións contra o proxecto eólico en Monte Castrove
Por Redacción |
-
A corporación de Poio ultima a elaboración da súa alegación conxunta contra o proxecto do parque eólico do Castrove
Por Redacción |
-
A plataforma veciñal "Non ao Parque Eólico do Castrove" convoca unha reunión aberta
Por Oskar Viéitez |
-
Representantes do BNG visitan o Monte Castrove para mostrar a súa oposición ao proxecto de parque eólico
Por Redacción |
-
Proxectan un parque eólico de 587 hectáreas e catro aeroxeradores no Monte Castrove
Por Alejandro Espiño |