O sector turístico cre necesario promocionar o Monte Castrove e as rutas de sendeirismo de Poio
Por Oskar Viéitez
Arredor de 20 profesionais do sector turístico participaron na reunión de traballo celebrada este pasado luns no Centro de Formación da Reiboa, unha cita que forma parte de Descubre Poio, o programa impulsado pola Concellería de Turismo co obxectivo de reforzar, potenciar e diferenciar a profesionalidade dentro deste eido.
Nesta sesión, na que tamén estivo presente a concelleira responsable do departamento, Silvia Díaz (Avante Poio), abordáronse cuestións como a posibilidade de crear paquetes turísticos en función dos perfís dos visitantes. Ademais, continuouse avanzando na elaboración do Mapa Turístico de Poio, unha ferramenta para consultar datos e obter información sobre negocios de hostalería, hospedaxe, gastronomía, festexos locais, oferta deportiva ou riqueza patrimonial.
"Somos conscientes de que Poio é un destino que ten un gran atractivo desde o punto de vista patrimonial ecultural, das actividades náuticas ou da gastronomía, pero temos claro que debemos ir un paso máis alá á hora promocionar e de transmitir información aos e ás visitantes, tendo en conta se veñen a gozar de turismo en familia, se son parellas ou se teñen interese en gozar da natureza ou en practicar deporte", resumiu Silvia Díaz.
Á hora de poñer en valor os atractivos e lugares de interese que existen no municipio, durante a reunión quedou patente, unha vez máis, a necesidade de poñer en valor e dar visibilidade a espazos como o Monte Castrove, a senda costeira A Seca - Campelo ou as diferentes rutas de sendeirismo que se poden atopar en parroquias como San Xoán ou Samieira. Tamén se achegaron propostas como a configuración dun paquete turístico pensado para gozalo a longo dun día, con diferentes alternativas.
A última reunión de traballo do programa Descubre Poio terá lugar o vindeiro luns, 21 de marzo.
Relacionadas:
-
Novas formacións, xuntanzas temáticas e campañas promocionais para consolidar a Poio como destino sostible
Por Redacción |
-
A senda costeira entre A Seca e Lourido será 'sendeiro azul'
Por Redacción |
-
Profesionais do sector turístico visitan Tambo
Por Redacción |
-
Así é Poio Crea+, o espazo para o emprendemento no centro de formación da Reiboa
Por Redacción |
-
A Deputación promove a provincia como destino de rodaxes, proxectos audiovisuais e cinematográficos
Por Oskar Viéitez |
-
VÍDEO.- Poio fai súa a illa cun paseo por Tambo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Avanza a creación do novo mapa turístico de Poio
Por Redacción |