O 4,6% dos servizos de xustiza gratuíta son para atender a casos de violencia de xénero
Por Natalia Puga
Os profesionais colexiados no Colexio Oficial de Avogados de Pontevedra levaron durante o ano 2021 un total de 6.975 asuntos da quenda de oficio, polos que lles pagaron 1,6 millóns de euros.
Segundo os datos do informe anual do Observatorio de Xustiza Gratuíta do Consello Xeral da Avogacía Española, en España, a retribución media que percibiron os profesionais por cada asunto tramitado baixou a 147,87 euros, por baixo dos 153,14 de 2020.
As cifras deunas a coñecer a decana do colexio, Gema Rial, con motivo da conmemoración do Día da Xustiza Gratuíta, unha xornada na que a baixa remuneración pola asistencia xurídica gratuíta confírmase como unha das principais queixas dos profesionais que ofrecen este servizo esencial.
A pesar diso, o índice de satisfacción co servizo segue crecendo e o 82% dos usuarios ten unha opinión positiva da atención recibida.
A través dun comunicado, debullou diversos datos relativos a este servizo que prestan 512 avogados e avogadas pontevedreses en gardas de 24 horas ao día os 365 días do ano.
Segundo estes datos, no último ano, o 67,5% do investimento global destinouse á quenda de oficio, o 18,9% a asistencia letrada, o 4,6% a violencia de xénero e o 9,1% a gastos de infraestrutura.
Durante o ano pasado, 9.933 cidadáns pediron beneficiase da xustiza gratuíta no ámbito territorial deste colexio, que está integrado polos partidos xudiciais de Pontevedra, Ponteareas, O Porriño, Tui, Lalín, A Estrada, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Caldas de Reis, Marín e Cangas. A Xunta de Galicia concedeulle o servizo ao 81% dos demandantes.
O investimento en Xustiza Gratuíta en Galicia aumentou o ano pasado un 12,3%, un incremento inferior ao do resto de España, pois a nivel nacional subiu un 16,3%.
Os colexios tramitaron 5.234 queixas de cidadáns, un 9% máis que o ano anterior. Destas, 3.681 foron arquivadas e só 297 deron lugar a expedientes sancionadores, o que nos dá unha idea do alto nivel do servizo.
O Comité de Expertos do Observatorio da Xustiza Gratuíta, realiza tres recomendacións, remunerar debidamente aos profesionais da quenda de oficio, aumentando os baremos (cantidades fixadas para abonar cada procedemento), garantir a retribución de todas as actuacións letradas realizadas por imperativo legal (actualmente, os letrados da quenda de oficio realizan actuacións que non lle son abonadas) e reforzar a formación dos avogados que ofrecen o servizo ou crear gardas para atender a presos, inmigrantes e solicitantes de asilo.
Relacionadas:
-
O Colexio de Avogados de Pontevedra apoia o dereito á folga da quenda de oficio
Por Natalia Puga |
-
A quenda de oficio mobilízase "por un exercicio da Avogacía digno"
Por Natalia Puga |
-
Concentración de avogados para reivindicar un pacto pola xustiza: "Hai moitos traballos que non cobramos"
Por Anxo Lourido |
-
Detido un veciño de Poio por agredir á súa parella
Por Oskar Viéitez |
-
A Xustiza gratuíta en Pontevedra: 531 avogados atenden 12.706 asuntos nun ano
Por Natalia Puga |
-
Un de cada dous avogados pontevedreses prestan servizos na quenda de oficio, máis que a media estatal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
En Pontevedra, un avogado de quenda de oficio cobra 2 euros a hora
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |