Iván Puentes asume a súa candidatura á alcaldía diante da Executiva Municipal da Agrupación Socialista
Por Anxo Lourido
Sen xornada de votación quedou a militancia socialista de Pontevedra para este domingo cando estaba previsto o proceso de Primarias para decidir quen sería a cabeza de candidatura. Tino Fernández decidiu retirar a súa candidatura e, por tanto, na tarde deste venres, a Executiva Municipal da Agrupación Socialista proclamaba a Iván Puentes como candidato do PSdeG-PSOE ás próximas eleccións municipais, á espera da ratificación no Comité Federal.
Maica Larriba, secretaria xeral da Executiva, manifestaba que se abre un período de apoio ao candidato para facer "un proxecto que ilusione á cidadanía de Pontevedra" e mostrou o respaldo de toda a agrupación. "Queremos un proxecto ilusionante, centrado nos valores históricos do PSOE", afirmou Larriba sinalando que a intención é xerar unha cidade máis igualitaria, xusta, sostible e que aposte pola calidade de vida da cidadanía.
Pola súa banda, Iván Puentes Rivera dirixiu as súas primeiras palabras a Tino Fernández agradecendo todo o traballo que está a desenvolver no Concello de Pontevedra como concelleiro de Deportes e como portavoz municipal da agrupación socialista. Fixo mención ao esforzo realizado por Fernández na corporación durante os últimos doce anos "en tempos non fáciles desde o punto de vista electoral". Agradeceu tamén o xesto de retirarse asumindo que había unha maioría que entendía que era necesario un cambio.
De fcara ao futuro, prognosticou que xa non haberá debate interno nin dúas sensibilidades e que se expón un obxectivo común: "chegar ao 28 de maio en disposición de liderar o próximo goberno municipal de Pontevedra". Afirmou que as enquisas ofrecen un BNG á baixa e un PSOE en alza mentres que o PP atópase estacando "sen posibilidade de lograr a alcaldía".
A súa proposta, expuxo, céntrase en manter as cousas boas desenvolvidas durante os gobernos do BNG pero pensando que "quedan cousas por facer". Quere que Pontevedra se manteña activa económica e socialmente co asentamento de empresas baseadas na economía verde, permitindo que se converta nunha cidade onde "traballar e residir", con política cultural activa e manténdose como referente social seguindo o "novo modelo económico europeo".
Relacionadas:
-
Yoya Blanco repite como número 2 da lista do PSOE ás municipais e Paloma Castro regresa á política local no 4
Por Natalia Puga |
-
Iván Puentes presenta a súa candidatura á alcaldía como a "única alternativa real, fiable e con experiencia de goberno"
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Iván Puentes será presentado na Ferrería como o candidato do PSOE á alcaldía de Pontevedra
Por Redacción |
-
A executiva do PSOE releva a Tino Fernández e designa a Iván Puentes novo portavoz do grupo municipal
Por Oskar Viéitez |
-
Vox opta pola continuidade e elixe a Manuel Torres como candidato ás municipais en Pontevedra
Por Redacción |
-
Entrega dun milleiro de árbores autóctonas para concienciar sobre os riscos do cambio climático
Por Redacción |
-
Tino Fernández renuncia ás primarias acusando o PSOE local de falta de neutralidade
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE 'oficializa' as súas primarias en Pontevedra e confirma a Tino Fernández e Iván Puentes como candidatos
Por Alejandro Espiño |
-
Tino Fernández ou Iván Puentes, só pode quedar un á fronte do PSOE pontevedrés
Por Alejandro Espiño |