A empresa municipal Nauta Sanxenxo logra unha ampliación da concesión portuaria ata 2047
Por Redacción
A empresa municipal Nauta Sanxenxo continuará coa xestión dos 119.757 metros cadrados de superficie portuaria ata 2047 tras lograr unha ampliación na concesión de Portos de Galicia por 20 anos, prazo máximo estipulado pola lei estatal.
Os termos da nova concesión, que permitirá seguir apostando por un dos motores económicos do municipio, aprobaranse o vindeiro luns en sesión extraordinaria do consello de administración. A actual concesión vence en 2027.
Unha petición que o goberno vincula a unha serie de proxectos que redundarán na mellora da fachada marítima e que, en ningún caso, supoñerá custo algún para as arcas municipais e, por tanto, para os veciños de Sanxenxo.
O goberno repetirá a través de Nauta Sanxenxo a fórmula de cando comprou e realizou as obras do porto deportivo que se financiaron coa venda das prazas de aparcamento, locais comerciais e a explotación das instalacións náuticas e o aparcadoiro. Unha actividade que permitirá recadar preto de 30 millóns de euros.
O investimento previsto neste espazo supera os 13 millóns de euros con tres actuacións de distinto custo económico, pero que redundarán na dinamización da zona. Unha delas é o xa coñecido proxecto de "Batea en Terra", asinado por Paredes Pedrosa Arquitectos. A proposta divídese en tres fases. A primeira está previsto que se licite proximamente, unha vez dr formalice a ampliación da concesión, inclúe o axardinamento e a mellora de acceso á Praza dos Barcos. A segunda inclúe a remodelación do edificio de Capitanía e a terceira, o umbráculo coñecido como ‘batea en terra’ pola forma á que evoca.
As instalacións de atracada son outra das melloras contempladas polo goberno local no horizonte temporal da concesión. Así se prevé a reordenación da lámina de auga, a substitución das torretas de subministración, a reparación das flotacións dos pantaláns ou a adaptación da instalación da subministración de combustible, entre outras actuacións.
Relacionadas:
-
O porto deportivo Juan Carlos I aumenta a súa actividade coa estancia de máis de 450 embarcacións en 2022
Por Álvaro Arosa Barco |
-
O aparcadoiro de Nauta arrinca o ano coa mellor facturación de xaneiro desde a súa apertura
Por Redacción |
-
A ampliación da concesión do porto ata 2047 desbloquea a 'Batea en terra'
Por Redacción |
-
O aparcadoiro Nauta Sanxenxo pechou o ano coa maior recadación da súa historia: 607.469 euros
Por Redacción |
-
A primeira fase da 'Batea en terra' roldará os 1,5 millóns de euros e terá un prazo de execución de 9 meses
Por Oskar Viéitez |