O futuro aparcamento do Gran Montecelo terá 900 prazas e prezos "moi competitivos"
Coas obras da ampliación de Montecelo, que segundo os promotores avanzan a "bo ritmo" e cumprindo os prazos previstos, a Xunta de Galicia comezou a trazar os plans para os servizos complementarios que terá o futuro hospital.
A este respecto, Alfonso Rueda aclarou este martes, durante unha visita ás obras, como quedarán configuradas as áreas de aparcamento de todo este recinto hospitalario.
A principal bolsa de estacionamento será un aparcamento de nova construción, que terá 900 prazas en superficie. Descártase así que sexa subterráneo. Terá réxime de concesión e os seus prezos, segundo Rueda, serán "moi competitivos".
A Xunta prevé publicar nas próximas semanas o procedemento administrativo para abordar esta actuación, que se quere "acompasar" coas obras de ampliación do hospital, de forma que todo poida estar en funcionamento ao mesmo tempo, a principios de 2024.
A estas prazas de aparcamento sumaranse os 250 espazos do estacionamento público actual, que seguirá sendo gratuíto, e a nova área que se habilitará xunto á futura zona de urxencias e que terá capacidade para 128 vehículos.
Ademais, o presidente galego avanzou que sairá a concurso proximamente a redacción do proxecto para a concesión do servizo de cafetería, que pasará a prestarse no novo edificio de hospitalización, abandonando así o seu tradicional espazo no hospital actual.
MONTECELO, REFERENTE DUN MODELO HOSPITALARIO "MÁIS HUMANO"
Tras a súa visita ás obras de Montecelo, onde viu o prototipo de consultas e habitacións que terá o novo hospital, Rueda subliñou que o centro pontevedrés será referente dun modelo de atención sanitaria "máis humana".
Todo o hospital, destacou o presidente galego, apostará por instalacións "amplas e acolledoras", preparadas para acoller todas as novas tecnoloxías que, continuamente, chegan ao sector sanitario, ofrecendo así unha atención "de calidade e mellorada".
O Gran Montecelo contará con 720 camas, 120 máis que o hospital habitual, das que case un 60% serán individuais. Ademais, crecerá un 92% os postos de urxencias e un 49% as prazas de hospital de día. Haberá tres quirófanos máis, 53 consultas máis e unha nova UCI pediátrica.
Un dos novos servizos que prestará o novo hospital de Pontevedra será o de radioterapia, medicina nuclear e hemodinámica, que permitirá que preto de 500 pacientes que se desprazaban cada ano ata Vigo poidan tratarse en Pontevedra.
Para equipar este servizo, a Xunta investirá 8,8 millóns de euros. Nestes momentos, segundo o xerente da área sanitaria, José Flores, "estamos vendo todo o equipamento que imos a necesitar" en todo o hospital e repartindo os espazos que haberá dispoñibles no complexo.
Relacionadas:
-
Montecelo e a reforma da PO-546, as apostas da Xunta para Pontevedra nos orzamentos para 2024
Por Alejandro Espiño |
-
A mellora da liña de media tensión para o Gran Montecelo correrá a conta do Concello
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta agarda informar publicamente "en poucos días" sobre o aparcamento do novo Montecelo
Por Anxo Lourido |
-
O Novo Montecelo obtén unha alta puntuación no exame de sustentabilidade
Por Oskar Viéitez |
-
Aprobadas, por procedemento de emerxencia, as obras na rúa Eduardo Pondal á altura do número 22
Por Anxo Lourido |
-
Así é o búnker do Gran Montecelo que albergará os dous aceleradores lineais que a Xunta adquiriu por máis de catro millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
A Lama, Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas compartirán un novo pediatra
Por Redacción |
-
O Gran Montecelo, a polo noveno piso
Por Redacción |
-
As obras da primeira fase do Hospital do Gran Montecelo acadan o 34 %
Por Redacción |
-
Montecelo contará en 2023 cunha sala exclusiva de hemodinámica para control cardiovascular por cateter
Por Anxo Lourido |