O Novo Montecelo obtén unha alta puntuación no exame de sustentabilidade
Por Oskar Viéitez
O proxecto do Hospital Público Novo Montecelo de Pontevedra está a transformar o concepto do edificio hospitalario erixíndose como exemplo de eficiencia e referente nacional e internacional en construción sostible.
Os parámetros de eficiencia do proxecto en execución do Novo Montecelo veñen avalados polo método BREEAM (Building Research Establishment Environmental Assessment Methodology), creado no Reino Unido en 1988, referente internacional na avaliación do grao de sustentabilidade ambiental de calquera nova construción, tendo en conta o seu uso e as súas particularidades.
A ferramenta utilizada para analizar e medir o impacto ambiental do ciclo de vida (ACV) dos elementos do edificio hospitalario reflicte como resultado unha puntuación do 91%, segundo a metodoloxía BREEAM.
Mediante este método analízanse desde o deseño e a edificación ata o mantemento, nun total de dez categorías. Entre os aspectos que se avalían tómanse en conta diferentes aspectos relacionados coa xestión, saúde e benestar dos usuarios, enerxía, transporte, auga, materiais empregados, xestión dos residuos xerados, uso ecolóxico do chan, contaminación e innovación.
Este método engade singularidade á obra transformadora do Novo Montecelo, xunto á peculiaridade do deseño en ‘Z’ da torre de hospitalización, á orixinal distribución de espazos, á ecoloxía e construción sostible, ás características dos materiais elixidos e á utilización de fontes de enerxía renovables.
En comparación cun edificio hospitalario referencial, o Novo Montecelo consegue reducir nun 73,4% as emisións de CO² e acada aforros do 12,8% na demanda enerxética, do 37,8% no consumo de enerxía primaria e do 30% no consumo de auga.
Parte desta eficiencia débese ao uso de paneis fotovoltaicos para a xeración de enerxía eléctrica. Para a climatización emprégase un sistema centralizado que subministra calor a 5 subestacións distribuídas na planta soto, na segunda e na cuarta. O resultado evoca unha rede de distribución urbana, onde una central de frío, recuperación e outra de calor subministran enerxía a subestación con intercambiadores de calor que independizan ambos os circuítos de auga.
A ventilación faise con climatizadores, mentres que para a produción de auga quente o proxecto optou pola tipoloxía de caldeiras de baixa temperatura. A recuperación de calor do equipo produtor de frío aproveitarase para prequentar a auga quente sanitaria, que conta para a súa subministración con equipos de baixo consumo. No equipamento do edificio hospitalario tamén destaca o emprego dun sistema de iluminación de alta eficiencia.
Os bloques de ampliación deseñáronse como contedores modulares intercambiables. Así, a súa estrutura adáptase ás distintas distribucións funcionais, mentres que a xeometría da resposta a un programa de necesidades que se resolveu cun edificio con zócalo prismático de catro plantas, cun andar técnico e con outros catro en forma de ‘Z’, destinados a hospitalizacións, e como remate, cunha nova planta de instalación.
Relacionadas:
-
21 empresas optan ás obras da rede de recollida de pluviais e residuais do novo Montecelo
Por Redacción |
-
A Xunta agarda informar publicamente "en poucos días" sobre o aparcamento do novo Montecelo
Por Anxo Lourido |
-
O Concello mellorará a recollida de augas pluviais e residuais do Gran Montecelo
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Xuño rexistrou unha baixada xeneralizada do paro en todos os concellos
Por Oskar Viéitez |
-
O futuro aparcamento do Gran Montecelo terá 900 prazas e prezos "moi competitivos"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Lores critica que a Xunta non busque alternativas máis "asequibles" a un aparcamento de pago en Montecelo
Por Oskar Viéitez |
-
O Gran Montecelo, a polo noveno piso
Por Redacción |