San Adrián prepárase para celebrar a Festa do Mar con tapas a prezos populares
Por Redacción
Durante as xornadas do sábado 22 e o domingo 23 de abril, a contorna de San Adrián encherase de actividades con motivo da Festa do Mar 2023.
César Poza, alcalde de Vilaboa, e Carmen Gallego, concelleira de Dinamización, animan a acudir a este evento festivo no que terán especial protagonismo todas as profesións relacionadas co sector marítimo e tamén diferentes contidos culturais.
Instalaranse seis postos para os artesáns locais co obxectivo de visibilizar o seu traballo. Unha das casetas dedicarase a promoción turística do municipio con indicacións sobre os roteiros para a práctica de sendeirismo e información sobre a contorna do Forno da Cal e das Salinas de Ulló. Nesta mesma caseta venderanse os tickets para a degustación das tapas que se elaborarán durante a Festa do Mar.
Está previsto que participen Víctor Tajes cos seus traballos pictóricos; Ledicia González Gómez coas súas pinturas acrílicas; Laura Filgueira, con produtos de madeira con gravados; Carme Castro con "cachiboreta" con elementos vintage e motivos mariñeiros; Alcrique con produtos artesáns de elaboración local; e unha selección de instrumentos no espazo Artesáns de Vilaboa.
Durante os dous días, as persoas que asistan terán a oportunidade de degustar mexillón, ameixa e choco en toda a contorna de San Adrián a través dos tres restaurantes locais que se encargan da gastronomía natural da ría. A Garboa, Casa Aurelia e A Casa de Rosa de Mazaroca prepararán os fogóns para que o público probe a tapa de mexillóns a 3,5 euros; os chocos a cinco euros e as ameixas a seis.
Prepararanse estes produtos en empanada, en escabeche, guisados ou á mariñeira, segundo indica o Concello. Tamén se poñerá en marcha unha caseta doce con elaborados da pastelería Os Laranxos, ademais haberá unha caseta con bebida e café de pota. As adegas Os Areeiros, Ardán e Mosteiro de Poio promocionarán os viños da IXP Ribeiras do Morrazo.
A comisión organizadora, integrada por representantes municipais e por mariscadoras, mariñeiros e bateeiras, encargarase de realizar a cata para decidir os premios Innovación, Sabor e Presentación dos produtos que se ofrecen.
Ás 21.00 horas do sábado 22 comezarán as actuacións musicais con Caamaño & Ameixeiras, para a continuación subir ao escenario Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.
Xa na xornada matinal do domingo a banda da Escola de Música de Vilaboa ofrecerá unha actuación coas voces de Merchy Treviño e Dani Lambas. Ao finalizar, sobre as 13.30 horas, realizaranse os recoñecementos da cata aos restaurantes premiados cunha nova degustación dos produtos do mar de Vilaboa.
Relacionadas:
-
Vilaboa volverá ser capital do viño en maio coa participación de dez adegas e colleiteiros
Por Redacción |
-
A Festa do Mar de Vilaboa chegou para quedar: supera todas as expectativas na segunda edición e esgota existencias
Por Redacción |
-
Innovación e sabor van da man nas degustacións da Festa do Mar de Vilaboa
Por Redacción |
-
O PP pide que se reparen os viais municipais de Vilaboa
Por Redacción |
-
Tres restaurantes locais prepararán mexillón, ameixa e choco á prezos populares na 'Festa do Mar de Vilaboa'
Por Redacción |
-
Vilaboa adianta a Festa do Mar a abril e a Festa do Viño a maio
Por Redacción |