Ana Pontón, do BNG: "a nosa papeleta vale para dar peso a Galiza e para frear a extrema dereita coa que se alía o PP"
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, visitaba este luns o miradoiro da ponte do tren sobre a avenida de Bos Aires e o río Lérez. Acompañada por Carme da Silva, candidata do BNG ás eleccións xerais pola provincia de Pontevedra, e polo alcalde da capital Miguel Anxo Fernández Lores, a máxima responsable nacionalista explicaba o modelo ambiental e de ecoloxismo que promove a súa formación.
Lores explicaba que Pontevedra é un exemplo de posta en valor do medio ambiente a nivel urbano e aseguraba que "as dificultades que temos é que en Madrid non entenden que temos un modelo propio, de mellora de calidade de vida".
Explicou tamén que para que en Madrid entendan a Galicia é necesario que o BNG teña un grupo propio no Parlamento e, desta forma, destacar a posición "de vangarda" sobre o cambio climático e de calidade de vida da xente.
Pola súa banda, Carme da Silva, candidata pola provincia, expoñía que o BNG desenvolveu "políticas transformadoras" para cambiar a calidade ambiental do Concello de Pontevedra tanto no medio natural como urbano. Apuntou que eses cambios acometéronse con "decisión" e con "vontade política" que levaron a reducir as emisións de CO2 nun 67% no municipio.
Engadiu que en Pontevedra demostrouse que se pode poñer en marcha unha política forestal con parques para facer fronte aos incendios forestais do mesmo xeito que defendeu o dereito que Galicia ten a que Pontevedra conte con "unha ría recuperada e sen Ence". Por este motivo, demandou o voto para un partido que, segundo explicou, non nega a evidencia e tenta facer fronte á "emerxencia climática que temos enriba".
PONTÓN: "O 23 X TEMOS O RETO DE POÑER A GALIZA NO CENTRO"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu en que nesta campaña queren poñer o foco no tema do coidado do medio ambiente, biodiversidade e loita contra o cambio climático.
"Estámonos xogando o futuro do planeta", sinalou e lembrou as esixencias das novas xeracións "porque queren vivir nun planeta sen contaminación". Neste sentido, puxo a Pontevedra como símbolo de que é posible levar a cabo políticas que loiten contra o cambio climático e pola biodiversidade ao obter "resultados espectaculares para reducir emisións de CO2, gañar calidade de vida e recuperar espazos con calidade medioambiental".
Acusou o PP de "branquear ese discurso negacionista que fai a extrema dereita antigalega", en referencia a Vox. Ana Pontón tamén criticou o "boom eólico depredador que non coida o noso medio ambiente" e que "hai tarefas pendentes desde hai décadas como a rexeneración das nosas rías".
"O 23X tamén nos xogamos cal vai ser resposta aos retos medioambientais que ten Galicia e como os asuntos que son importantes para nós non estean sempre de últimos da lista nas tarefas que ten o Estado" e pediu o voto para o BNG daquelas persoas que crean que coidar o medio ambiente é unha prioridade "porque non temos planeta B".
Ana Pontón sobre o debate entre Sánchez e Núñez Feijóo: "Que van contar? que estiveron discriminando a Galiza ao longo dos últimos anos?"
Insistiu na necesidade dun grupo do BNG forte no Congreso para impulsar a rexeneración integral das rías, o coidado dos ríos, un desenvolvemento eólico sustentable e non ao servizo das eléctricas e o coidado do medio rural en lugar dun monte que "sexa unha polvorín con ese gravísimo problema ambiental que son os incendios forestais".
"O 23X temos o reto de poñer a Galiza no centro", apuntou coa idea de que teña máis forza e que se faga valer #ante as forzas estatais que ignoran os problemas galegos.
Sobre o debate, cara a cara, que este luns manterán Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo avnazó que demostrarán que os problemas de Galicia "non están na súa axenda e que non teñen nada que ofrecerlle á cidadanía galega". Por este motivo, engadiu, considera que o PP e o PSOE evitan un debate galego en prime time na TVG. "Que van contar? que estiveron discriminando a Galiza ao longo dos últimos anos? Que nós somos a última carta da baralla?", argumentou Pontón.
Tamén incidiu en que Galicia xógase moito nestas eleccións: "o bipartidismo está empeñado en borrar a Galiza do mapa. Queren resucitar ese bipartidismo no Estado para que nada cambie. En Galicia temos que cambiar esa discriminación por respecto en Madrid".
E expuxo que a papeleta do BNG valerá dobre nestas eleccións xerais: "para dar peso a Galiza e para frear a extrema dereita coa que se alía o PP de Feijóo, que é xenófoba, racista e profundamente antigalega". Pontón reclamou o apoio cidadán para poñer freo ás políticas negacionistas e que discrimina a Galicia.
Relacionadas:
-
O BNG reclama que Galicia defina a súas infraestruturas e que "non se pensen desde Madrid"
Por Alejandro Espiño |
-
Carme da Silva propón frear o "timo verde" dos proxectos eólicos cun grupo galego forte no Congreso
Por Redacción |
-
Da Silva apela a votar "coa cabeza e o corazón" para acabar coa discriminación a Galicia
Por Redacción |
-
O BNG pide á implicación masiva da mocidade o 23X "a favor dunha Galiza sen a precariedade e a emigración que deixa o PP"
Por Oskar Viéitez |
-
Ana Pontón, na Illa de Arousa: "desde Madrid vese moi lonxe a costa galega e non se atenden as necesidades do noso sector do mar"
Por Anxo Lourido |
-
Ana Pontón asegura que "do que nós dependa a dereita e a extrema dereita non van gobernar no Estado español"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |