O festival de curtas, con dez días de proxeccións e actividades, volve situar en Bueu o epicentro da sétima arte
Por Redacción
A décima cuarta edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu) ofrecerá entre o 10 e o 19 de setembro máis de cen filmes e ducias de actividades complementarias. O programa deste ano retoma boa parte da programación previa á pandemia, pero sempre mantendo as medidas de prevención fronte á covid-19.
No Centro Social do Mar de Bueu tivo lugar este martes a presentación oficial do festival na que participaron representantes do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, principais institucións cofinanciadoras do certame.
A recuperación da normalidade é a principal novidade desta edición. A xefa de produción do certame, María Ruiz, puxo de relevo o restablecemento de propostas como as proxeccións para escolares, as charlas divulgativas, a radio ao vivo ou seccións como Retrospectiva e Panorama.
Ao mesmo tempo, o programa incorpora entre as súas novidades un filme de apertura e outro de peche. A maiores, haberá obradoiros, coloquios ou o encontro co actor Alfonso Agra, que recibirá o Premio Cinema Galego.
Outro síntoma de recuperación é que se tiveran presentado ao certame máis de 2.000 curtas, destacando na selección final a calidade dos documentais e máis o peso das cintas dirixidas por mulleres, en claro avance cara a igualdade de xénero.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, corroborou que o programa do FICBUEU 2021 "é moi completo, mantendo a súa esencia" e destacou as actividades dirixidas aos profesionais do eido cinematográfico, de xeito que "non só se contribúe á difusión do audiovisual, senón tamén a potenciar o sector".
A deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, salientou que "a veciñanza de Bueu e arredores se involucra co festival, participando nas actividades". Pola súa banda, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, definiu o certame como "un proxecto compartido, que consolida un traballo que se leva a cabo durante todo o ano e que ten o cinema como protagonista".
Neste senso, manterase o aforo reducido segundo a normativa vixente, a máscara obrigatoria, as distancias de seguridade ou a aplicación de xel hidroalcólico nas entradas e saídas.
A programación completa do 14 Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu pode consultarse na web www.ficbueu.com, onde tamén se poden adquirir xa as entradas.
O festival comezará coa exhibición de Un blues para Teherán, de Javier Tolentino, e tras este pase haberá proxeccións durante dez días nas que se amosarán ao público un total de 128 filmes chegados de máis de 30 países e artellados en nove seccións cinematográficas.
Sole, a opera prima de Carlo Sironi, será a peza que pechará esta nova edición do FICBUEU, que un ano máis volve a caracterizarse pola heteroxeneidade das súas proxeccións, coas que realiza unha gran fotografía panorámica do que está a suceder no mundo das curtas a nivel internacional.
A Sección Internacional continuará a funcionar como tronco principal do programa, con dous pases diarios do 13 ao 17 de setembro, que se complementarán con faladoiros conducidos por diferentes especialistas no sector.
Ademais das seccións a concurso (Internacional, España, Galicia R, Experimental e Escolas) e paralelas (Panorama, Retrospectiva, Carta Branca e MiniFIC), haberá obradoiros, mesas redondas, diferentes presentacións e encontros ou a emisión do programa radiofónico Carne cruda.
Relacionadas:
-
FICBUEU chega ao campus coa charla ‘Falando de foto fixa’
Por Redacción |
-
O FICBueu presenta en Pontevedra o segundo dos seus Cadernos
Por Redacción |
-
RADIO.- Terminado o FICBUEU, quédannos os seus libros coleccionables sobre cinema e curtas
Por Marisa Ciordia |
-
'Stephanie' obtén a Ánfora de Ouro e o Premio do Público recala en ‘Hysterical girl’ no FIC Bueu
Por Redacción |
-
Os locais de Bueu servirán tapas con títulos de películas coincidindo co FICBUEU
Por Redacción |
-
As entradas para o FICBueu xa están á venda
Por Redacción |
-
O FICBUEU 2021 avanza os contidos dunha programación que mira para Canadá
Por Redacción |
-
Nove curtametraxes, finalistas na Sección Escolas Galegas do FICBUEU 2021
Por Redacción |
-
O FICBUEU recupera a programación previa á pandemia
Por Redacción |