Catorce atletas súmanse a Jean Marie Okutu na renovación do equipo masculino da Gimnástica
Por Alejandro Espiño
Ata quince novos fichaxes reforzarán o equipo masculino da Sociedad Gimnástica de Pontevedra para a tempada 2024. Así o anunciou o club, que hai uns días xa confirmara o regreso do saltador marinense Jean Marie Okutu.
Xunto a el sumaranse á disciplina pontevedresa Albert Balada e Víctor Fernández, que chegan con marcas de 10:72 e 10:61, respectivamente, nos 100 metros lisos, mentres que para os 400 metros incorpórase o actual campión galego sub23, Alexis Miguens.
Roi Estévez competirá coa Gimnástica nos 3.000 metros, onde a súa mellor marca persoal é a de 8:46.16; e Abdelhakim Hamid, procedente de Cataluña, farao nos 1.500 metros, proba na que o seu mellor resultado está situado nos 3:44.09.
Para as probas de saltos, a Sociedad Gimnástica fichou a Oriol Almirall, cuarto en pértega no último campionato de España, cunha marca de 5,30 metros; ou Álvaro Lastra, subcampión de España sub23 de altura (2,06 metros).
Raúl Cortizo, procedente do Celta, tamén competirá en altura, cunha mellor marca de 2,03 metros, e reforzará o salto de lonxitude, do que é o vixente campión galego en pista cuberta. Sergio Coello, campión galego ao aire libre (7.52 metros), completa o equipo en lonxitude.
Os lanzamentos tamén contarán con reforzos. Para peso chega Rubén Lara, cuxa mellor marca é 13,70 metros; Pablo Costas, subcampión de España sub 23, farao en xavelina, onde lanzou 76,57 metros; e en disco, Diego Echevarría, cunha marca de 45,87 metros.
Rubén Bellovi, que ten unha marca de 9:12.76 nos 3.000 metros obstáculos, e Mario Revenga, atleta da disciplina de valos (7:92 en 60 metros 14:27 en 110 metros), completan a renovación da Sociedad Gimnástica para a nova tempada.
Relacionadas:
-
Desvelado o camiño da Gimnástica no Campionato de España de Clubs de División de Honra e Primeira División
Por Redacción |
-
Os atletas da Gimnástica suman experiencia no Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta
Por Redacción |
-
Sabela Castelo revalida o seu título de campioa de España de cros
Por Redacción |
-
A Gimnástica roza o dobrete na Copa Xunta de atletismo en pista cuberta
Por Redacción |
-
A Gimnástica e o Pinarium soben ao podio no Campionato Galego de Campo a través
Por Redacción |
-
A Gimnástica reforza o seu equipo feminino con seis novas incorporacións
Por Redacción |
-
O olímpico Jean Marie Okutu volve á Gimnástica unha década despois
Por Redacción |
-
A Gimnástica presenta á súa nova mascota, 'Ravatleta'
Por Redacción |