Juan Saavedra, un medallista olímpico contra as cordas: "Teño que facer 200 quilómetros cada vez que quero adestrar"
Por Diego Espiño
Pasan os día e pasan as semanas e o que comezou como un peche simbólico do campo de tiro de Cernadiñas Novas prolóngase sen remedio, afectando á preparación dunha das grandes bazas do deporte pontevedrés e galego para os próximos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, Juan Antonio Saavedra.
O dobre medallista paralímpico en tiro (prata en Londres 2012 e bronce en Tokyo 2021) leva xa case dous meses sen poder utilizar o seu habitual lugar de adestramento. Por iso "estou a ir a adestrar a Ourense. É unha pouca de lea, porque teño que facer 200 quilómetros cada vez que quero adestrar", afirma o pontevedrés.
"A solución depende de quen depende, da Xunta e os comuneiros, a ver que pasa", limítase a comentar sobre a negociación que manteñen para o pago dun canon que regularice a cesión dos terreos comunais.
Tras o peche de Cernadiñas Novas moveuse rápido para preparar nas mellores condicións a Copa do Mundo de Nova Deli, na que conseguiu a medalla de ouro. Fíxoo buscando un 'training camp' en Suíza e cunha concentración en Madrid, pero é unha situación que "a longo prazo é moi complicado de manter", asegura.
"Non depende de min, de min depende adestrar e buscar as castañas para ver onde podo adestrar, pero isto cambia toda a planificación que tiña feita", recoñece, e é que coa clasificación para París 2024 no peto plantéxase agora cal é a mellor maneira de chegar á cita. "En principio a idea era ir á Copa do Mundo de Korea, pero estamos a ver se imos ou non. Temos o Europeo en Granada e seguramente un par de adestramentos máis, un en Italia seguro, outro probablemente en Xibraltar co equipo inglés e estamos a buscar a ver se podemos facer algún en Alemaña ou en Francia", explica Saavedra.
"Está claro que non é o mesmo telo a 5 minutos de casa, á parte do desembolso económico que supón", salienta.
Unha situación en todo caso que non lle fai perder o optimismo, e é que "agora mesmo estou nun bo momento. A idea é facer as cousas ben para cando chegue París estar mesmo mellor". Serán uns meses de duro traballo, pero cunha meta moi clara porque "o obxectivo é meterme nunha final en París, e despois aí xa a cara de can". Dio pensando, aínda que sen expresalo en alto, na que sería a súa terceira medalla olímpica.
Relacionadas:
-
Xornada de recepcións municipais a deportistas da Boa Vila
Por Redacción |
-
Juan Antonio Saavedra, ouro con récord europeo na Copa do Mundo de Nova Delhi
Por Diego Espiño |
-
Juan Antonio Saavedra, de rozar o récord do mundo na cualificación a ser sétimo na final do Mundial
Por Diego Espiño |
-
Juan Antonio Saavedra, subcampión de Europa de tiro paralímpico en 10 metros mixto SH1
Por Redacción |
-
Juan Antonio Saavedra saca o billete para os seus sextos Xogos Paralímpicos
Por Redacción |