Sétimos Xogos para Teresa Portela e primeiros de Carolina García: "Isto só é o principio do que vén"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Dúas das persoas máis felices tras a primeira xornada do Selectivo Nacional de Piragüismo celebrado este mércores no Pontillón do Castro eran Carolina García e Teresa Portela, protagonistas ambas do K-4 500 metros que certificou a súa praza para París 2024.
Será a primeira experiencia olímpica da pontevedresa Carolina García e a sétima, nin máis nin menos, dun mito como a canguesa Tere Portela, medalla de prata en Tokyo.
"Quen me ía a dicir que 24 anos despois de ir aos meus primeiros Xogos ía ir aos sétimos, de verdade que estou moi ilusionada, emocionda e realmente feliz", afirmou Portela tras vencer no Selectivo.
"Para min cada tempada, cada Xogos Olímpicos son un agasallo e eu mesmo estou sorprendida de poder competir nos meus sétimos Xogos. É un éxito e estou feliz de poder seguir gozando", recoñeceu.
Xa pensando "só en París", onde marcará un novo récord como muller española con máis participacións olímpicas, Tere defende que "a meta e a mentalidade é gañadora, é pensar en non poñernos límites, non poñernos freos. O ano pasado no mundial puidemos estar entre as mellores, conseguindo ese bronce, e a nosa mentalidade é ir a por todas", sinalou con ambición.
Ao seu lado, Carolina García festexaba a súa primeira clasificación para uns Xogos Olímpicos. Recoñecía estar "un pouco inquieta" antes da regata, o que cambiou a un estado "súper feliz e xa pensando en mellorar para chegar a París e dar o mellor".
De feito a pontevedresa afirmou que soña "con ser as primeiras" nos Xogos, aínda que "para iso queda moito que mellorar". Iso si, "isto só é o principio do que vén", afirmou xa coa clasificación olímpica no peto.
Relacionadas:
-
Meritorio sétimo posto da EP Ciudad de Pontevedra na Copa de España Sprint celebrada en Verducido
Por Redacción |
-
Tras o Selectivo, quenda para a Copa de España Sprint en Verducido
Por Redacción |
-
Antía Jácome gaña o C-1 200 do Selectivo e fará dobrete nos Xogos Olímpicos de París
Por Diego Espiño |
-
Pablo Crespo vence no Selectivo de Verducido e gaña o dereito para soñar con París 2024
Por Diego Espiño |
-
"Imos a por todas", asegura Antía Jácome tras a súa clasificación para os Xogos Olímpicos de París
Por Diego Espiño |
-
A París! Antía Jácome, Teresa Portela e Carolina García logran en Verducido o billete aos Xogos
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O encoro de Pontillón do Castro acollerá en abril os 'Trials olímpicos' de piragüismo
Por Diego Espiño |