Volta ás Series Mundiais para Gómez Noya antes de competir en Pontevedra
Por Redacción
Chegou a hora. Javier Gómez Noya regresa este sábado 27 de abril á máxima competición do tríatlon olímpico, as Series Mundiais, na primeira gran cita da súa tempada.
O campionísimo galego competirá en Bermuda, segunda cita do calendario, coa intención de probarse na distancia olímpica pensando na clasificación para Tokyo 2020, e farao só unha semana antes doutra das carreiras marcadas en vermello no seu calendario, o Campionato do Mundo de Longa Distancia de Pontevedra do día 4 de maio.
Gómez Noya debutou este curso vencendo no Ironman 70.3 de Geelong, e despois foi quinto na Copa do Mundo de New Plymouth baixo distancia sprint.
Agora en Bermuda, tras unha tempada pasada centrada no Ironman, volve á distancia olímpica, onde é o triatleta con maior palmarés con cinco títulos mundiais.
Na liña de saída da segunda proba das Series Mundiais, tras a de Abu Dhabi na que o deportista galego non competiu, Javi Gómez Noya medirase co actual campión, o mallorquino Mario Mola, o surafricano Henri Schoeman, o británico Jonathan Brownlee, o portugués Joao Silva, o francés Vincent Luis ou o eslovaco Richard Varga, entre outros.
A armada española, ademais de Gómez Noya e Mario Mola, complétana Fernando Alarza, Vicente Hernández e o vigués Antonio Serrat na categoría masculina e Carolina Routier e Sara Pérez na feminina.
A carreira das Series Mundiais de Bermuda comezará ás 18:00 horas do sábado (hora española).
Relacionadas:
-
Brillante medalla de prata para Gómez Noya en Bermuda na súa volta ás Series Mundiais
Por Diego Espiño |
-
Saleta Castro, Gómez Noya e Pablo Dapena, confirmados no equipo nacional do ITU Multisport Festival
Por Redacción |
-
Noya regresa quinto ao calendario ITU na Copa do Mundo de New Plymouth
Por Sofía Lorenzo |
-
Gómez Noya sobre o ITU Multisport de Pontevedra: "Se este Mundial fose en calquera outro lugar posiblemente non o correría"
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya arrasa no Ironman 70.3 disputado en Australia
Por Redacción |