Rubén Domínguez e o milagre dos pans e os peixes

Pontevedra
04 de xaneiro 2026
Actualizado: 14:32

Entre baixas, lesións e saídas, o equipo granate encadea catro vitorias consecutivas e tres semanas en play-off con recursos limitados nol seu plantel e un orzamento moi inferior ao dos seus rivais

Partido entre Pontevedra CF e Racing Club de Ferrol en Pasarón

Cun plantel mermado polas lesións, as baixas e a falta de recursos, o Pontevedra Club de Fútbol converteuse nun dos protagonistas da Primeira RFEF.

Gañou o derbi ante o Racing de Ferrol (2-1) con catro futbolistas do filial en convocatoria, Brais Abelenda lesionado sentado no banco para completar a lista e unha infinidade de axustes improvisados que farían tremer a calquer adestrador.

A pesar diso, o equipo granate suma a súa cuarta vitoria consecutiva e terceira semana en postos de play-off, algo que poucos, ou practicamente ninguén, imaxinaría cando comezou a tempada. O seu técnico, Rubén Domínguez, logrou sacar o máximo rendemento a un grupo que xornada tras xornada capea a tormenta e demostra que con esforzo e compañeirismo poden permitirse soñar en grande.

Ante o Racing, Domínguez tivo que reinventarse unha vez máis. Con Víctor Eimil sancionado, Álex González e Alain lesionados durante o encontro, e sen fichaxes que permitan refrescar o plantel, o preparador volveu tirar de enxeño. Vidorreta, mediocampista de natureza, actuou como lateral dereito; Montoro, central, consolidouse na medular; e Miguel Cuesta, extremo reconvertido, continúa rendendo a un altísimo nivel como lateral esquerdo.

Mentres tanto, Alain Ribeiro, futbolista de perfil ofensivo, encadea varios partidos actuando como defensa central e a un nivel sobresaliente, atopándose ademais co gol á saída de dous córneres, un ante a Celta Fortuna e outro este mesmo sábado fronte ao Racing de Ferrol.

A todo iso hai que engadirlle os contratempos que se atopou o equipo durante o inicio de campaña e que obrigaron a Rubén Domínguez a sacar a escuadra e o cartabón. Juanra, lesionado de gravidade o 15 de novembro ante o Mérida, foi intervido dunha rotura do ligamento cruzado anterior do seu xeonllo esquerdo e afronta varios meses de baixa, mentres que Marcos Denia e Pablo Hervías xa non están no equipo. O primeiro deles, cedido polo Cádiz, fichou polo Sanluqueño, e o segundo rescindiu o seu contrato.

Tamén Nico Conesa, con apenas 58 minutos repartidos en catro partidos, está na rampla de saída e nin entrou en convocatoria, e Dani Selma, tras o seu episodio ante o Mérida, ten igualmente a porta aberta para abandonar o club, a pesar de ter contrato até final de tempada.

O único posto verdadeiramente estable esta tempada foi a portaría, onde Marqueta e Edu Sousa alternáronse con éxito e manteñen un nivel altísimo, asinando paradas decisivas que salvaron puntos e partidos clave para o equipo.

Con todos estes condicionantes, o traballo do adestrador granate cobra aínda máis mérito. Soubo rearmar un grupo sólido e comprometido que, con "esforzo e solidariedade", foi capaz de competir de ti a ti con rivais que duplican o seu orzamento. Non en balde, mentres o Pontevedra manexa un orzamento de 2,3 millóns de euros, o Racing de Ferrol alcanza os 4,4 millóns.

"SEGUIR TRABALLANDO COS PÉS NO CHAN"

A pesar dos méritos e do dereito a soñar que o equipo gañou sobre o campo, Domínguez insiste en non mirar máis aló até asegurar a permanencia. Restan 20 partidos por disputarse e 15 puntos para alcanzar o obxectivo.

Con todo, en Pasarón respírase outra cousa. A afección está ilusionada, confía no seu adestrador e no grupo, porque visto o visto, e con Rubén Domínguez á fronte, os milagres xa non parecen imposibles.