As festas do Nadal preséntanse con moita incerteza en canto a como van afectar as reunións familiares e de persoas achegadas á evolución da pandemia da covid-19.
O escenario é preocupante dada a evolución do número de casos na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. O seu xerente, José Ramón Gómez, explica que esta situación "non só afecta a Pontevedra, senón que outras áreas con taxas de incidencia máis baixas tamén están a subir: en Galicia, España e outros países que mesmo se puxeron como exemplo de xestión da pandemia".
Frear a taxa de incidencia, é dicir, o número de positivos rexistrados día a día, pódese conseguir, manifesta Gómez, só se todos seguimos as medidas coñecidas de hixiene de mans, máscara, distancia interpersoal e ventilación.
A gran preocupación para as autoridades sanitarias atópase nas reunións familiares, nas que se constatou unha relaxación nas medidas de seguridade. Mesmo lembra Gómez que recentemente, coas restricións xa en vigor, en Pontevedra rexistrouse un "gromo procedente dunha reunión familiar de 12 ou 13 persoas con todos os membros contaxiados".
Neste sentido, o doutor Juan Turnes, membro do comité clínico asesor da Xunta en covid desde a área pontevedresa, é claro: "en espazos pechados, sen ventilación nin máscaras, a transmisión é do cento por cento".
Turnes tamén apunta a que veñen comprobando un "esgotamento" na poboación con tantos meses de medidas de prevención que en ocasións poden parecer excesivas. Pero avisa de que "o virus non entende de cansazo nin de espírito do Nadal". Por este motivo, pide só un esforzo máis, porque está seguro de que "o problema se está terminando xa que a vacina está ás portas".
A previsión é que a finais deste mes de decembro comecen as vacinacións. En primeiro lugar, para os residentes e traballadores de residencias sociosanitarias e, en segundo, para os profesionais sanitarios.
Pendentes do anuncio do calendario vacinal, antes haberá que atravesar outro período decisivo, segundo adiantaba o xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ao afirmar o seguinte: "preparámonos para unha repunta entre 7 e 14 días despois de Nadal". En concreto preocupa que as unidades de críticos poidan chegar a saturarse se se disparan os positivos que necesitan ingreso hospitalario.
Gómez lembra que nesta segunda onda xa se viviu un pico na unidade de críticos con 10 ingresos en só dous días, cando normalmente a ocupación nesta unidade é de 5 pacientes críticos.
Tendo en conta todas estas variables, este luns reunirase o comité clínico para analizar todos os datos e a partir de aí "empezaremos a tomar decisións" para tratar de evitar a terceira onda coa mirada posta "no peor escenario posible", como afirma o doutor Turnes, xa que é a única maneira de estar preparados para que as unidades asistenciais non colapsen.