GALP Pontevedra súmase á plataforma Marnoba de ‘Vertidos Cero’
Por Redacción
O GALP Ría de Pontevedra é o primeiro Grupo de Acción Local Pesqueira (GALP) de Galicia en unirse como entidade colaboradora á plataforma Marnoba, un proxecto da Asociación ‘Vertidos Cero’ distinguido con premios nacionais e internacionais.
A Asociación de ‘Vertidos Cero’ xurde da necesidade de facer partícipe ao conxunto da cidadanía da problemática xerada polas verteduras mariñas sobre a contorna e a calidade de vida das persoas. Esta entidade sen ánimo de lucro busca xerar unha conciencia social encamiñada cara a prevención, minimización e eliminación dos residuos, mediante a realización de actuacións concretas.
Dentro das súas actuacións destaca a plataforma Marnoba, activa desde 2013 e para a que se desenvolveu unha aplicación móbil gratuíta. A través desta app catalóganse os lixos mariños na costa, praias, flotantes e fondos. Toda a información é recollida por persoas voluntarias e entidades colaboradoras no denominado visor Marnoba.
O GALP Ría de Pontevedra colaborou coa plataforma Marnoba en 2019 a través do proxecto de educación ambiental, divulgación e ciencia cidadá ‘Amar o Mar: Ría de Pontevedra sen Plásticos’.
No programa participaron 231 escolares, mestres, nais e pais, de seis colexios, un por cada concello da área de influencia do GALP Ría de Pontevedra. A actividade consistía
nunha charla de sensibilización, un xogo acorde a temática tratada e a limpeza dunha praia onde os escolares separaron e contabilizaron o lixo mariño atopado seguindo o protocolo da plataforma Marnoba.
Esta acción forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo do Galp Ría de Pontevedra, que ten entre os seus obxectivos impulsar o patrimonio medioambiental das zonas pesqueiras e acuícolas de influencia do GALP, así como a mitigación do cambio climático e a contribución á concienciación cidadá.
Relacionadas:
-
O GALP Ría de Pontevedra perfila o traballo ata final de ano da campaña pescado artesanal
Por Redacción |
-
O GALP destina 773.000 euros ao financiamento de trece proxectos relacionados coa ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
A 'nova normalidade' chega ás prazas de abastos
Por Redacción |
-
O GALP Ría de Pontevedra recibe 22 solicitudes para as axudas a proxectos
Por Redacción |
-
Máis de 2 millóns de euros para proxectos que dinamicen a contorna da ría
Por Redacción |
-
Dezasete mulleres e sete homes do sector pesqueiro fórmanse para crear proxectos de turismo mariñeiro
Por Redacción |