Presentan a Maleta dos Océanos, unha proposta educativa que combina o papel das mulleres e a salvación dos recursos mariños
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O 12 de novembro, a Deputación de Pontevedra, a través da Escola de Igualdade María Vinyals, poñerá en marcha a xornada online 'Libres? Cousificación do corpo das mulleres', unha iniciativa na que se tratará a orixe da desigualdade estrutural, os factores que favorecen a naturalización e a validación das violencias machistas e da falta da liberdade da muller. Así o anunciaba este xoves a presidenta provincial Carmela Silva.
Trátase dunha das propostas que se promoven desde a entidade provincial para visibilizar á muller e que se presentaban durante esta mañá. Para participar nesta xornada online que se retransmitirá por streaming é necesario inscribirse a través da páxina web da Deputación.
Nesta sesión participarán especialistas como Carmen Delgado, Rosa Cobo, Yolanda Domínguez ou Anais Bernal, que tratarán temas tan importantes como a relación directa entre a pornografía e a prostitución. "Nenos de 9 anos consomen pornografía e visualizan esa violencia a través das redes sociais", afirmaba Carmela Silva. Tamén se analizarán os estereotipos que determinan o papel que se lle asigna á muller na sociedade e o trato e a sexualización que os medios de comunicación ofrecen ás mulleres.
MALETA DOS OCÉANOS
Tamén se presentaba a Maleta dos Océanos, un traballo que desenvolve a Universidade de Vigo en colaboración coa Deputación de Pontevedra. A proposta busca empatizar co alumnado para buscar outra forma de cambiar o mundo. Nesta proposta tamén se profunda sobre o papel das mulleres en relación coas profesións marítimas e coa sustentabilidade dos recursos mariños.
Este proxecto inclúese dentro da Axenda 2030 e coas iniciativas provinciais sobre a igualdade de xénero. A protagonista, Emma, guiará a través desta proposta educativa ao público infantil por seis iniciativas didácticas, segundo explicaba Mari Lires, promotora desta ferramenta.
A maleta elaborada con cartón e material sostible ten como finalidade axudar a ofrecer unha educación de calidade, impulsar a igualdade de xéneros e conservar os océanos. Neste sentido, Lires manifestaba que a pandemia ten que ver coa situación do planeta e o salto dos virus entre os animais e os humanos, debido á destrución de ecosistemas.
As propostas educativas céntranse na vida de todas as especies mariñas; a contaminación, verteduras e sobrepesca que afectan os recursos mariños; ao papel das mulleres que traballan en determinados sectores do mar como a conserva, o marisqueo ou a elaboración de redes; as investigadoras mariñas e as propostas de mulleres de organismos internacionais para educar sobre un sistema sostible.
O 10 de novembro está previsto un acto online sobre o bo uso e mal uso do mar, que nesta ocasión titúlase ' Unha mirada á Axenda 2030 desde unha perspectiva de xénero: o mar das mulleres nas túas mans'.
#VIOLENCIAZERO
A presidenta provincial tamén anunciou que o 19 de novembro presentarase unha nova edición de #ViolenciaZero nas Ruínas de San Domingos. As primeiras accións previstas chegarán o 25 e o 26 de novembro nas cidades de Pontevedra e de Vigo.
Precisamente este xoves esta proposta da Deputación Provincial presentaba unha nova iniciativa en Meis: o mural de María Maquieira 'A casa da diferenza' no Auditorio deste municipio. Trátase dun deseño desta artista que mostra a forza da unión, as alianzas e o traballo en común que realizan as mulleres.
Carmela Silva acudiu ao acto de presentación e lembrou que este ano se suman 39 mulleres asasinadas e reclama medidas e crear alianzas para denunciar os casos de violencia machista.
Pola súa banda, a alcaldesa de Meis Marta Guiráldez demandou o peche de locais onde se exerce a prostitución: "Neste momento en Meis hai tres clubs de alterne, con mulleres sometidas á escravitude sexual, por iso agradezo as declaracións da presidenta desta mañá solicitando o peche dos prostíbulos para sempre. Pedimos á Xunta de Galicia que acabe con esta violencia".
Relacionadas:
-
A IV Xornada sobre bo uso e mal uso do mar demanda máis atención didáctica cara á sustentabilidade e á igualdade
Por Redacción |
-
Carmela Silva: "Imos cerrar bares e restaurantes, pero os prostíbulos seguen abertos. Hai que pechar os prostíbulos"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Lanzan os premios "GirlGeekCovid" para incentivar os estudos de ciencias entre as mulleres
Por Redacción |
-
'Mulleres en acción. Violencia Zero' leva as súas reivindicacións a Sanxenxo
Por Redacción |
-
A Deputación elaborará un informe alertando do temor a que as mulleres volvan quedar invisibilizadas tras o teletraballo
Por Redacción |