A Mesa da Bicicleta propón "converter a ponte da Barca nunha rúa de Pontevedra"
Por Oskar Viéitez
Os colectivos que forman parte da bautizada como 'Mesa da Bicicleta', (Masa crítica ou Pedaladas, entre outros) propoñen "converter a ponte da Barca no que é lóxico, unha rúa de Pontevedra".
A Mesa da Bicicleta reuniuse na noite do martes no Concello de Pontevedra, e "como sempre" abordaron os problemas de mobilidade no municipio relacionados coas infraestruturas. "E lóxicamente falamos da ponte da Barca", dixo o concelleiro da área, Miguel Filgueira.
O edil afirmou que non era a primeira ocasión na que se formula este tema "xa se tratara en reunións anteriores e de novo se propuxo crear un carril bici". E é que este colectivo entende que existe unha "barreira física" entre os concellos de Pontevedra e Poio que é ademais "un perigo tanto para peóns coma para os ciclistas".
"Insistimos no tema agora porque temos medo de que se perda unha oportunidade", xustificou o voceiro de Masa Crítica, Quique Pérez, "sería unha boa solución dende o punto de vista económico para permeabilizar as dúas áreas urbanas".
"Pedimos que se humanice toda a ponte, configurando un vial para peóns e ciclistas", subliñou.
Dende a Mesa da Bicicleta consideran que neste momento a ponte da Barca "entraña unha gran perigosidade" porque non hai beiravías e os ciclistas teñen que circular polo propio vial convivindo con todo tipo de vehículos como camións, "co cal é unha zona urbana moi perigosa".
Aseguran que a polémica xerada nas últimas semanas é "mala" para os seus intereses porque a súa principal demanda era que facer desta ponte unha rúa que una Pontevedra e Poio.
OUTRAS INFRAESTRUTURAS
Ademais dende a Mesa da Bicicleta formuláronse outras infraestruturas que formulan problemas de mobilidade como "a barreira física que existe na ponte de Santiago que carece dun paso de peóns". Filgueira di que o proxecto do concello é suprimir esa medianeira ao final da ponte e facer un gran paso de peóns cun carril bici adxunto. O problema é que o Concello non pode actuar nestes momentos porque ese vial é competencia do Ministerio de Fomento.
Igualmente propúxose a posibilidade de unir Pontevedra con Marín pola Autovía cun carril para ciclistas ou mellorar a conexión entre a praia fluvial e a ponte de Monte Porreiro.
Finalmente na Mesa tratáronse as actividades que van celebrar este ano, como unha marcha de bicicletas clásicas, ou reforzar a Feira da Bici con outras actividades paralelas como conferencias.