Un piquete nesta segunda xornada da folga do metal impide a entrada á fábrica de persoal de contratas de Ence
Por Anxo Lourido
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Ás 05.30 horas comezaba a actividade do piquete de folga durante este martes 20, segunda xornada de paro no sector do metal.
Coincidindo coa parada técnica de Ence, o piquete tentaba evitar a entrada de persoal de empresas subcontratadas pola empresa pasteira para realizar os labores de mantemento durante este proceso previsto ao longo da semana.
Os representantes sindicais situáronse na entrada á factoría e informaban os traballadores desta xornada de folga, que se desenvolve ante a falta de acordo coa patronal nas negociacións do convenio colectivo.
Durante as primeiras horas desta xornada chegaron a rexistrarse enfrontamentos dialécticos entre representantes dos traballadores e axentes das Unidades de Intervención Policial que se atopaban na zona para evitar incidencias. Segundo fontes sindicais, producíase unha carga policial cando o piquete tentaba evitar a entrada de traballadores de dous contratas portuguesas á factoría de Ence.
Delegados da Coordinadora de Auxiliares de Ence-Pontevedra afirman que non toleran que a parada anual da fábrica sirva de pretexto para a "potencial vulneración, limitación ou restrición do lexítimo exercicio deste dereito fundamental do persoal das contratas de Ence Pontevedra, xa sexa en forma de esquirolaxe externo, esquirolaxe comercial ou organizativo; ou obrigatoriedade de realización de horas extra non acordadas con estes traballadores con especial vinculación coa factoría".
Alertan de que estas contratas que deberían pertencer ao convenio do metal están adscritas a outros convenios improcedentes como oda construción ou mesmo de oficina técnica como é o caso de ASAI ou APPLUS.
O piquete permanecerá en activo durante a xornada tanto na factoría pasteira, atendendo aos cambios de quendas, como na avenida de Vigo, dentro da comarca de Pontevedra.
Finalmente, en lugar de realizar unha manifestación ás 12.00 horas polo centro de Pontevedra, os dirixentes sindicais decidiron realizar unha concentración diante da entrada da fábrica.
No encontro mantido este luns durante seis horas entre as partes non se alcanzaba un acordo pola negativa empresarial a manter a cláusula de revisión salarial conforme ao IPC real; reducir a xornada anual en máis de oito horas e garantir a subrogación do persoal entre empresas privadas, segundo fontes sindicais.
CCOO, CIG e UGT, sindicatos convocantes, advirten que se a parte empresarial non reconsidera a súa posición e propoña unhas condicións laborais, a folga terá continuidade na xornada do xoves 22 e do mércores 28 de xuño.
Relacionadas:
-
Convocada folga indefinida do metal a partir do 18 de xullo se non avanzan as negociacións
Por Anxo Lourido |
-
Cortes de tráfico e barricadas en ENCE nunha nova xornada de folga do sector do metal
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz | Creada e actualizada
-
O metal continúa en loita reivindicativa con piquetes en Ence e cortes de tráfico na cuarta xornada de folga
Por Anxo Lourido |
-
A manifestación do metal interrompirá este mércores a circulación no centro de Vilagarcía
Por Anxo Lourido |
-
Terceira xornada de folga do metal con cortes de tráfico nas rotondas do Nó do Pino
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
CC.OO. denunciará a ENCE por vulnerar o dereito de folga se substitúe auxiliares durante a parada técnica
Por Redacción |
-
Gran seguimento da folga do sector do metal na provincia
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O metal pontevedrés convoca tres xornadas de folga por un convenio digno
Por Redacción |