A Xunta sostén no Parlamento de Galicia a súa aposta pola continuidade da xestión pública do Centro Avelino Montero
Por Anxo Lourido
O grupo socialista, a través da parlamentaria Paloma Castro, preguntou este xoves 6 na comisión quinta de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia pola situación do Centro Tutelar de Menores Avelino Montero de Pontevedra.
Alertaba da eliminación de catro prazas de educadores pola xubilación dos seus titulares, unha situación que levou ao persoal para concentrarse semanalmente ante o temor de que o centro pase a ser de xestión privada. Paloma Castro, durante a súa intervención, indicou que a Xunta está a utilizar o mesmo modus operandi que en Ourense e Lugo, realizando obras de acondicionamento para despois derivar a xestión destes espazos a empresas privadas.
O centro actualmente conta con 18 postos de educadores, segundo indicaba, que non están cubertos na súa totalidade xa que hai un mes só contaba con 16 e aos que hai que restar outros catro por xubilación do persoal, segundo a parlamentaria do grupo socialista, que sinalou que o informe de Fiscalía ofrece datos sobre o incremento de condutas delituosas entre menores de idade.
Jacobo Rey, director xeral de Familia, respondeu as acusacións sinalando que as estatísticas oficiais da Xunta de Galicia mostran que en 2022 notificáronse 729 medidas establecidas polos xulgados a menores e que 442 menores víronse afectados por esas medidas, cifras que ofrecen un descenso "moi forte" nos últimos anos, segundo indicou a responsable da área.
Indicou que "cada vez se cometen menos delitos por parte de menores de idade na nosa comunidade", indicando que o número de medidas notificadas polos xulgados no último ano é o máis baixo desde 2003.
E tamén insistiu que o Centro Avelino Montero continuará cos mesmos empregados públicos que neste 2023, sinalando que, ademais, o centro ofrece unha cociente que supera o establecido por lei dun educador por cada cinco internos en cada quenda.
Na réplica, Paloma Castro alegou que desde a Xunta "trampean" os datos sen ter en conta a modificación da lexislación penal de 2015. E sostivo que a memoria da Fiscalía en 2022 presenta un incremento de máis dun 23% das infraccións dos menores de idade.
Insistiu en que o centro debe contar cun cadro de traballadores estable e sinalou que 18 é o número de educadores necesario para atender aos menores.
Na última quenda, Jacobo Rey negou que "trampeara" os datos xa que as estatísticas da Xunta son oficiais e sostivo que hai unha "aposta clara pola continuidade do Avelino Montero e da xestión pública do centro", argumentando que a segunda fase das obras, que se están realizando no centro durante os últimos anos, está pendente de licenza municipal para que se acometa.
Relacionadas:
-
Cuarta concentración de persoal para denunciar o desmantelamento paulatino do centro de menores Avelino Montero
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Nova protesta pola eliminación de educadores no Avelino Montero: "o centro non pode ser un aparcamento de menores"
Por Anxo Lourido |
-
Protesta do persoal no Avelino Montero ante o temor de que a Xunta privatice o centro titelar de menores
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Temen a privatización do Centro de Menores Avelino Montero ao non cubrir catro prazas de educadores
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
UXT sospeita da privatización do centro de menores Avelino Montero
Por Oskar Viéitez |