A elite do deporte español grava un vídeo para apoiar e pedir axuda para Gustavo Dacal
Por Manu Otero
As mostras de apoio cara ao exatleta Gustavo Dacal non cesan. O explusmarquista español de lanzamento de xavelina atópase ingresado nun hospital de México recuperándose dunha infección que a punto estivo de acabar coa súa vida e pola que tivo que someterse a tres operacións.
Desde o pasado mes de decembro está en marcha unha campaña de captación de fondos que axuden a custear os gastos médicos do deportista no país azteca e os últimos en sumarse a esta campaña foron boa parte da elite do deporte español, que gravaron un vídeo pedindo apoio solidario para o deportista galego.
Liderados por un dos deportistas olímpicos españois máis laureados de todos os tempos, David Cal, un total de 43 compañeiros de profesión, que entre todos suman 26 medallas olimpicas, 91 medallas en campionato mundo, 90 medallas en europeos e un Tour de Francia; mandan unha mensaxe de esperanza para Gustavo Dacal e piden axuda a toda a cidadanía.
"Amigo, non estás só, todos somos Gustavo Dacal", é a frase coa que o expiragüista de Aldán pecha un vídeo no que colaboraron outros padeeiros como Teresa Portela, Saúl Craviotto, Carlos Pérez, Carlos Arévalo ou Cayetano García. Tamén participou boa parte do equipo olímpico español de judo encabezados por Niko Sherazadishvili, triatletas da talla de Javier Gómez Noya, Pablo Dapena, Susana Rodríguez ou Saleta Castro ou futbolistas como Iago Aspas ou Denis Suárez.
Grandes figuras do atletismo español, que compartiron campionatos con Dacal ou mozos que o teñen como un referente, tampouco quixeron deixar pasar a oportunidade de darlle ánimos. É o caso de Fermín Cacho, Manolo Martínez, Reyes Estévez ou Ruth Beitia, que lle dedicou unhas bonitas palabras: "Pídovos a todos a vosa colaboración solidaria para apoiar a Gustavo Dacal, un dos nosos mellores jabalinistas, que o está pasando moi mal alén do charco".
Completan o elenco deportistas como Tamara Abalde (baloncesto), Javier Delgado (judo), Sugoi Uriarte (judo), Antonio Reina (atletismo), David Gómez (atletismo), Julia Figueroa (Judo), Alberto Fernández (tirador olímpico), Laura Gómez (judo), Mariano Garcia (atletismo), Óscar Pereiro (ciclismo), Alvaro Fernández (piragüismo), Tariku Novales (atletismo), Odei Jainaga (atletismo), Francisco Garrigós (judo), Julia Vaquero (atletismo), David Amor (balonmán), Lucía Rodríguez (atletismo), Pablo Martínez (piragüismo), Ana Pérez (judo), David Casinos (atleta paralimpico), Adrián Ben (atletismo), Cristina Cabana (judo), Javier Cienfuegos (atletismo), Belén Toimil (atletismo), Juan Jose García Cota (médico). Tamén participou o persoal do Balonmán Cangas e do Club Cisne Balonmán.
Relacionadas:
-
Competir nos Xogos Paralímpicos, obxectivo de Gustavo Dacal tras regresar a España: "É un novo comezo en circunstancias diferentes"
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
O Atletismo Rías Baixas crea unha sección de deporte adaptado e pide que se habilite unha especialidade no CGTD coordinada por Gustavo Dacal
Por Redacción |
-
Gustavo Dacal xa está Galicia para continuar o seu tratamento
Por Oskar Viéitez |
-
O Celta sorprende ao doutor Cota cun emotivo vídeo protagonizado polas estrelas do fútbol español
Por Manu Otero |
-
Gustavo Dacal seguirá coa súa rehabilitación na Coruña
Por Redacción |
-
O CGTD acolle o control solidario para recadar fondos e axudar a Gustavo Dacal
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Medio milleiro de atletas apoiarán a Gustavo Dacal no control solidario do CGTD
Por Redacción |
-
A gala solidaria "Todos con Gustavo Dacal" celebrarase o venres 27 de xaneiro en Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Xornada solidaria de atletismo en favor de Gustavo Dacal
Por Redacción |
-
Gustavo Dacal supera unha "operación decisiva" en México, onde permanece hospitalizado
Por Diego Espiño |