Señor pide apoio a uns xogadores que "se van a partir o cobre" contra o Sanse para agarrarse ás opcións de permanencia
Por Diego Espiño
No horizonte do Pontevedra Club de Fútbol "só hai un partido, e é este", asegura o adestrador do primeiro equipo granate, Juan Señor, e é que "despois virá o estudo numérico das posibilidades, pero se ti non sumas de tres non cuadra", afirma.
Refírese o técnico ao importante e case que decisivo partido que o club pontevedrés afronta este domingo 30 de abril (17.00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón fronte á UD San Sebastián de los Reyes, outro dos equipos que pelexan por salvar a categoría e que están en zona de salvación con sete puntos máis.
Perder supoñería un golpe practicamente definitivo para un equipo, o granate, que a pesar diso "está moi vivo", defende Señor.
O preparador sinala que no plantel "a actitude é máxima e moi boa, vanse partir o cobre este domingo", e pide respaldo á afección porque "estes futbolistas necesitan máis que nunca apoio, non recriminación. Axudaríanos, esta vez máis que nunca", sinala en referencia aos pitos, en especial cara a Libasse Guèye, da última xornada en Pasarón.
En canto ao partido en si, Señor recupera efectivos confirmando o regreso á convocatoria de Rufo, e aínda que existen dúbidas sobre o estado de Alberto Rubio e Ángel Bastos tras arrincar a semana a menor ritmo que os seus compañeiros, o adestrador só descartou para a cita a Luís Martínez por lesión, avanzando que o defensor "necesita facerse máis probas". Ademais volve á lista Borja Domínguez cumprido un encontro de sanción.
Todo para medirse a un San Sebastián de los Reyes que a pesar de encadear máis dun mes sen gañar "é un equipo ben colocado, que poucas veces perde a posición", e que venderá cara a súa derrota.
Relacionadas:
-
Remonta do Pontevedra diante do Sanse para avivar a esperanza da permanencia (2-1)
Por Manu Otero |
-
A Primeira RFEF, a ritmo de adestrador cesado por xornada
Por Diego Espiño |
-
Rufo acelera cara á súa recuperación
Por Diego Espiño |
-
Víctor Casais asoma a cabeza no primeiro equipo do Pontevedra a base de efectividade
Por Diego Espiño |
-
Invitacións para socios e baixada xeral de prezos ante a UD Sanse na última bala do Pontevedra para pelexar pola permanencia
Por Redacción |
-
Juan Señor, tras a derrota en San Fernando: "Eu cando cheguei cría neste equipo e sigo crendo nel"
Por Almu Dapena |
-
Derrota en San Fernando dun Pontevedra abocado ao descenso salvo milagre (4-2)
Por Almu Dapena |