2025 | Pasos en firme para avanzar cara a unha Pontevedra máis verde

Pontevedra
30 de decembro 2025

Facer que a cidade sexa cada vez máis verde foi unha das principais liñas de traballo do executivo pontevedrés con dous proxectos prioritarios: o parque da Parda. o 'destape' do Gafos

Obras para a creación do Parque da Parda

Aínda que se deron pasos en anos anteriores, non foi até este 2025 cando comezaron a encaixar as pezas dispostas polo goberno municipal para 'reverdecer' Pontevedra.

Facer que a cidade sexa cada vez máis verde, renaturalizando espazos que até agora estaban degradados, foi unha das principais liñas de traballo do executivo pontevedrés.

Entre os grandes fitos que nos deixa este 2025 está, sen dúbida, o inicio das obras de acondicionamento do novo parque da Parda, un auténtico pulmón verde de preto de 35.000 metros cadrados entre a Cidade da Xustiza e as rúas Entrevías e Otero Pedrayo.

O novo parque, que custará 5,3 millóns de euros, comezou a executarse en marco e, segundo as previsións municipais, debería estar terminado en 2027.

É o maior parque que se construíu na cidade nos últimos cen anos, desde que se fixeron a Alameda, o parque das Palmeiras ou os xardíns de Vicenti, e dinamizará unha das zonas de maior crecemento.

Ademais, a intención do Concello é conectar este parque co paseo do Gafos, polo que toda a cidade estará unida de maneira peonil por un sendeiro verde desde a ría até A Parda.

A outra gran actuación que neste 2025 sentou as súas bases, aínda que se executará o próximo ano, é o 'destape' do río Gafos, ao seu paso por Campolongo.

Infografía da renaturalización do río GafosConcello de Pontevedra

Serán dúas empresas de Pontevedra, COVSA e EC Casas, as que aborden este ambicioso proxecto, no que se investirán case 4,2 millóns de euros.

A recuperación do Gafos, que o goberno municipal xa pon de exemplo en toda España, permitirá liberar o tramo "enterrado" do río, entre Alcalde Hevia e Xeneral Rubín, nos anos 70 e conseguir que toda esta zona teña unha maior calidade urbana.

Todo o ámbito recuperado contará con máis espazo natural e con máis arboledo e a solución que se adoptará, con cambios mesmo na canle, reducirá o risco de inundacións na zona.

Estas dúas non foron as únicas actuacións que, ao longo de 2025, deron pasos en firme para humanizar máis Pontevedra, mellorar a súa mobilidade e avanza no seu modelo urbano.

Rúa da Santiña tras a súa reforma integralPontevedraViva

Así, terminaron as obras da Rúa da Santiña, que xa loce a súa nova imaxe; desbloqueouse a construción da variante de Alba, do novo viario de Mollavao e da reforma de Rosalía de Castro; ou se crearon novas zonas de estancia ao longo do trazado do Gafos.

Ademais, en apenas uns días comezarán as obras do novo pavillón de Monte Porreiro, que incluirá unha gran praza pública na súa cuberta; e tamén avanzaron os trámites para rehabilitar o Pazo de Lourizán, Santa Clara ou os edificios centrais do Museo.

Pola contra, este 2025 que agora termina serviu para enterrar, case definitivamente a continuación da A-57 cara ao norte, debido ao malestar que o seu trazado xerou entre os afectados. O Concello aposta agora por ampliar a capacidade da PO-224 até Barro.

Obras na senda do Gafos, en Ponte NovaConcello de Pontevedra

 

Arquivado en