O Prestige, sen culpables
Por Natalia Puga
A factura dos gastos ocasionados pola marea negra do Prestige e a lista de danos e prexuízos que causou o desastre medio ambiental quedarán nun caixón. O tribunal que xulgou a catástrofe leu este mércores unha sentenza na que absolve aos tres acusados (o capitán, Apostolos Mangouras; o xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos; e o ex director xeneral da Mariña Mercante, José Luís López Sors) dos delitos contra o medio ambiente, danos en espazos naturais protexidos e danos e deixa sen atribuír as responsabilidades civís polo sucedido.
A sentenza só condena a Mangouras a nove meses de prisión polo delito de desobediencia grave á autoridade por desoír as ordes das autoridades españolas á hora de facilitar o remolque do barco despois de que se dese a primeira avería e fuga de fuel o 13 de novembro, xusto hai once anos.
Por este único delito finalmente probado "non se causaron os danos e prexuízos derivados do verquido", por iso é polo que o tribunal da Sección Primeira da Audiencia xustifique que non se pode atribuír a ninguén a responsabilidade de asumir as indemnizacións polo dano ocasionado.
A sentenza (que se leu na Coruña con ausencia dos acusados) conclúe que "ninguén sabe con exactitude cal puido ser a causa do ocorrido, nin cal debería ser a resposta apropiada á situación de urxencia creada pola grave avaría do Prestige", non hai responsables penais e, polo tanto, tampouco civís derivadas do afundimento.
A sentenza recoñece "graves consecuencias económicas do verquido", pero non fixa quen debe pagalas
A resolución recoñece que o afundimento do Prestige xerou 368 millóns de euros en gastos ao Estado, 145 á Xunta de Galicia e 67 a Francia e que deixou "inxentes danos e prexuízos" a empresas e particulares. Recoñece "as graves consecuencias económicas do verquido de fuel do Prestige", pero non atopa quen debe pagalas.
Hai unha pequena opción de que esas indemnizacións pendentes poidan chegar a estar pagadas e está na fianza de 22,7 millóns de euros que pagou nos xulgados de Corcubión a compañía de seguros do Prestige, a británica, The London P&I Club, pero o tribunal pronunciarase en sentenza se se lle devolven ou se se reparten entre os prexudicados.
A sentenza considera acreditado que como consecuencia da "prolongada, extensa e intensa" vertedura de 63.000 as toneladas de fuel resultaron afectados 2.980 quilómetros do litoral costeiro, 1.137 praias contaminadas e 450.000 metros cadrados de superficie rochosa impregnada de chapapote.
Ademais, asume que se produciron danos en instalacións particulares e públicas, prexuízos consistentes no peche ou redución de negocios directa ou indirectamente relacionados con actividades pesqueiras e marisqueiras, ademais de influír nunha utilización moi reducida de espazos naturais abertos ao desfrute xeral e con obvias implicacións no negocio turístico. Oficialmente suspendeuse forzosamente en Galicia a actividade pesqueira e marisqueira ata o 17 de maio de 2003, cos conseguintes prexuízos.
INDEMNIZACIÿNS A PONTEVEDRESES
Malia recoñecer todos eses danos e os gastos que custou reparalos, non condena a ninguén a pagalos. Moitos deles foron en Pontevedra e, de feito, houbo decenas de empresas, particulares, asociacións e mesmo administracións pontevedresas que compareceron na causa para reclamar esa indemnización que non chegará. Polo menos ata que se resolva o recurso que previsiblemente se presentará contra a sentenza ante o Tribunal Supremo.
As confrarías de pescadores de Bueu, Cambados, Carril, Lourizán, Raxó, Sanxenxo, Vilanova, Vilaxoán, Santa María del Puerto de Marín, San Roque de Portonovo, San Telmo de Pontevedra, entre outras, tamén estiveron no xuízo e pedían a condena do capitán e o xefe de máquinas por un delito contra os recursos naturais e o medio e por un delito de desobediencia polo que pedían que eles fosen ao cárcere e a súa aseguradora, o FIDAC e a armadora Mare Shiping indemnizásenlles como responsables civís.
Entre os que se compareceron na causa estaban tamén o Concello do Grove, que pedía prisión para Mangouras e López Sors, pero non establecía indemnizacións; a sociedade cooperativa Ría de Arousa, que reclamaba 162.374,10 euros; ou a cooperativa do mar San Miguel de Marín, que solicitaba 287.141,25 euros.
O Concello da Illa de Arousa reclamaba 384.862,52 euros; o Consello Regulador Mexillón de Galicia, 3,1 millóns; Amegrove, 3,2 millóns; e Grovenses de Mejillones S.A., 368.463 euros. Ningún recibirá, ata o momento, a indemnización.
Relacionadas:
-
Presentan o documental '20 anos de dignidade' da plataforma Nunca Máis no Pazo da Cultura
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Louzán: "Os que quixeron facer un xuízo político do Prestige perdérono e Galicia non saíu resarcida"
Por Redacción |
-
Jueces para la Democracia recorda que a sentenza do Prestige non resolve as responsabilidades políticas
Por Oskar Viéitez |
-
Luciano Varela ve "escasas posibilidades" de que prospere o recurso do Prestige
Por Oskar Viéitez |
-
Bágoas do capitán do Prestige o día que Galicia chora a década da catástrofe
Por Natalia Puga |
-
Nunca Máis: "Cada 10 anos hai un accidente e volvería producirse unha catástrofe como a do Prestige"
Por Redacción |
-
Pontevedreses ás portas do xuízo do Prestige: agora vémonos todos outra vez coas mans negras
Por Natalia Puga |
-
Os concellos pontevedreses reclaman 1,9 millóns polos danos do Prestige
Por Oskar Viéitez |