O plantel granate, collido con pinzas
Por Manu Otero
Por se a misión de lograr a permanencia non fora suficientemente complicada, o Pontevedra debe afrontar o reto cun plantel debilitado polos problemas físicos que arrastran desde hai semanas numerosos xogadores do primeiro equipo. Unha situación que obrigou ao corpo técnico a botar man de xogadores do filial como Arnosi, Berni, Álex Pacheco ou Casais, que completaron este mércores o adestramento co equipo de Primeira Federación.
O Pontevedra afrontará este domingo outro difícil desafío na súa carreira por abandonar os postos de descenso. Visitarán ao Racing de Ferrol na Malata, pero Toni Otero xa sabe que non poderá contar con, polo menos, tres xogadores do primeiro equipo. Rufo segue sen pisar o céspede polos seus problemas musculares no sóleo, Valentín Jaichenco foi intervido a semana pasada de apendicitis e estará como mínimo un mes de baixa e o último en caer foi Samu Araújo que, a falta de informe médico, sofre unha grave lesión no seu xeonllo que o terá varios meses afastado dos terreos de xogo.
Pero a este trío de ausencias poderían unirse outros futbolistas que tampouco adestraron co grupo. É o caso de Alberto Rubio, que presenta unha contusión nun xeonllo; e Diego Seoane, que arrastra problemas musculares desde hai semanas.
Doutra banda, Brais Abelenda non acaba de recuperarse da súa lesión e, aínda que completou algúns exercicios co grupo, segue exercitándose á marxe do equipo.
O recentemente chegado Gonzalo Bueno non se atopa tampouco nas mellores condicións físicas como para debutar o domingo. Con todo, o extremo uruguaio é un máis nos adestramentos e co obxectivo de poñerse en forma o máis rápido posible traballará en dobre sesión co preparador físico.
Máis optimismo hai con xogadores como Churre, que non puido xogar contra a Cultural Leonesa, pero que xa completou este mércores o adestramento co grupo. Na mesma situación atópase Ángel Bastos, apartado das aliñacións desde o mes de novembro por unha lesión de nocello da que xa parece recuperado, aínda que carece de ritmo de competición. Máis cautos son no corpo técnico co estado de Yelko Pino e Borja Domínguez, que aínda non están preparados para disputar os noventa minutos.
E aínda por riba, tal e como comentou Toni Otero o luns en sala de prensa, o central Luís Martínez e o dianteiro Charles arrastran sobrecargas nos seus cuádriceps aínda que, salvo complicacións de última hora, estarán ao dispor do técnico para o vindeiro domingo.
Relacionadas:
-
Enigma Yelko Pino
Por Manu Otero |
-
A falta de contundencia condena a un Pontevedra ferido e afundido no abismo do descenso (1-3)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Martín Diz: "A nivel persoal estou contento, pero quero ao club e dóeme. O Pontevedra ten que estar máis arriba"
Por Manu Otero |
-
Unha entrada gratis para cada socio para encher Pasarón na primeira final pola permanencia
Por Manu Otero |
-
Tres etapas para volver conectar co pelotón da permanencia
Por Manu Otero |
-
Un gol en fóra de xogo volve decidir o derbi entre Racing de Ferrol e Pontevedra (2-0)
Por Almu Dapena |
-
Toni Otero: "Imos a Ferrol coa ilusión de gañar porque non hai nada que perder"
Por Manu Otero |
-
Samu Araújo, tres meses de baixa, di adeus á tempada
Por Manu Otero |
-
Gonzalo Bueno, optimista coa permanencia: "Está todo moi parello, os números dan perfectamente"
Por Manu Otero |
-
Toni Otero alza a voz polo céspede de Pasarón: "Os encargados de salvar ao equipo somos uns, pero hai xente á que lle custa sumar"
Por Manu Otero |