2025 | Ano de homenaxes a Castelao e á Coral Polifónica

Pontevedra
30 de decembro 2025

Pontevedra mergullouse na memoria do intelectual rianxeiro cunha intensa programación cultural e o anuncio dun acto histórico: o regreso temporal de 'A derradeira leición do mestre'

Concerto do centenario da Coral Polifónica Mónica Patxot

O ano 2025, declarado oficialmente Ano Castelao, marcou un período de intensa actividade cultural e de fonda reverencia cara á figura poliédrica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

A celebración do 75 aniversario do seu pasamento impulsou unha programación diversa e participativa, que tivo como eixe central a posta en valor do seu vasto legado artístico, literario, político e social.

Un dos fitos máis salientables foi a conmemoración do centenario da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, entidade coa que Castelao mantivo unha estreita relación e que se viu recoñecida co prestixioso Premio Otero Pedrayo.

Un inicio de ano entre a memoria e o compromiso (Xaneiro - Febreiro)

As homenaxes a Castelao iniciáronse o 7 de xaneiro, data do seu pasamento, coa posta en marcha das actividades no Museo de Pontevedra.

Alfonso Daniel R. CastelaoReal Academia Galega

A institución, que custodia máis de 1.800 obras, a biblioteca persoal e importante documentación do rianxeiro, ofreceu visitas guiadas especiais ás súas salas monográficas, unha sesión de cine co documental 'Castelao: de chumbo a verba' e un concerto de María do Ceo.

O Concello de Pontevedra, que tamén celebrou esta data cun bando onde o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lembraba o vencello de Castelao coa Boa Vila, cidade á que o intelectual dedicou a frase "Eu débolle a Pontevedra o mellor da miña vida".

Presentación da programación do Ano CastelaoMónica Patxot

Xa o 13 de xaneiro, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, anunciaba a implicación de distintas entidades sociais na celebración, coa recuperación da exposición "Castelao e Nós" e os roteiros literarios "Meu Pontevedra. Camiñadas con Castelao".

Colección de obras de Castelao no MuseoDeputación de Pontevedra

O Museo, pola súa banda, habilitou en febreiro un espazo na súa páxina web con todos os recursos dispoñibles sobre Castelao, facilitando o acceso á súa obra e á axenda de actividades.

O centenario da Polifónica e o Castelao máis íntimo (Marzo - Abril)

O mes de marzo tivo un especial protagonismo para a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra. O 14 de marzo inaugurouse no Edificio Castelao do Museo a 'Exposición do Centenario', comisariada polo seu presidente, Xosé Carlos Valle Pérez.

A mostra, que percorreu un século de historia da agrupación, destacou a figura de Castelao non só como presidente entre 1929 e 1932, senón tamén como autor dos emblemáticos panos escenográficos que deseñou para a Coral. A exposición incluíu reproducións en gran formato de cinco destas escenografías, revelando unha faceta menos coñecida do artista.

Exposición "Sociedad Coral Polifónica de Pontevedra 1925-2025, un século de música coral en Galicia"Mónica Patxot

A relevancia da Polifónica, pioneira en Galicia ao incorporar mulleres, foi recoñecida o 1 de febreiro coa Medalla de Ouro "Marcial del Adalid" da Real Academia Galega de Belas Artes, o seu primeiro galardón de ámbito galego.

A creatividade de Castelao tamén inspirou un obradoiro de bordado botánico no Museo en marzo e unha nova publicación de Roberto Taboada, que recompilou as ilustracións do rianxeiro para o Almanaque do Faro de Vigo de 1931 e para a Biblioteca Billiken de Bos Aires.

En abril, Correos presentou un selo conmemorativo do centenario da Polifónica no Edificio Castelao, e a Coral reviviu o seu primeiro concerto na Igrexa de San Francisco o 9 de abril, interpretando as mesmas melodías sacras de hai cen anos.

Concerto do centenario da Coral PolifónicaMónica Patxot

A faceta máis humana de Castelao e Virxinia Pereira chegou aos cines coa estrea o 23 de maio da película 'Antes de Nós', dirixida por Ángeles Huerta e rodada en Pontevedra, que abordou o seu labor como médico na gripe de 1918 e a viaxe a Bretaña.

Unha mirada integral ao seu legado (Maio - Xuño)

Na primavera continuaron celebrándose actos afondando na vida e obra de Castelao. En maio, o programa Contrapuntos da Deputación rendeulles homenaxe a Castelao e Virxinia Pereira cunha conversa entre Pepe Coira e Noni Araújo no Museo.

O Café Moderno, espazo emblemático das tertulias do rianxeiro, acolleu un ciclo de conferencias organizado por Maio Longo e Vía Galega, que explorou o seu ideario nacionalista.

A Deputación convocou en xuño a primeira edición do Premio Castelao de Textos Teatrais, dotado con 12.000 euros, para promover o talento literario en galego.

A asociación Salcedo Norte organizou unha ruta teatralizada e musicada, "Castelao en Salcedo", que percorreu espazos que amosaban a relación do autor coa parroquia.

Ruta ‘Castelao en Salcedo’, teatralizado e musicadoConcello de Pontevedra

Ademais, o alumnado do IES Luís Seoane e do IES Illa de Ons triunfou no certame Micromuseo do Museo de Pontevedra, creando microrrelatos audiovisuais inspirados na obra de Castelao.

Verán cultural e o fito histórico da 'Derradeira leición' (Xullo - Novembro)

En setembro, a asociación etnográfica Sete Espadelas converteu o Teatro Principal nunha pasarela do traxe tradicional galego, con máis de 40 pezas inspiradas fielmente nos debuxos de Castelao. O acto tamén se celebrou no Pazo Provincial.

Pasarela de traxes tradicionais inspirados na obra de CastelaoCristina Saiz

Soutomaior sumouse á conmemoración cun mural na ponte do Peirao de Arcade, obra da muralista Elvira Sánchez, que combinou o escudo da serea deseñado por Castelao cun verso do autor.

Outubro e novembro foron meses clave. O achado dun expediente "impecable" de 1972 nos xulgados de Pontevedra, que confirmaba as irmás de Castelao como herdeiras e a súa vontade de que o seu patrimonio permanecese no Museo, foi un descubrimento sobranceiro.

Acto oficial de entrega a declaración 
de herdeiros de Castelao ao Arquivo HistóricoCristina Saiz

O expediente, xa custodiado no Arquivo Histórico Provincial e dispoñible na Biblioteca Dixital de Galicia, arroxou luz sobre a vinculación de Castelao con Pontevedra e as tensións familiares.

A Xunta, no marco do Ano Castelao, tamén dixitalizou os fondos do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía e presentou a instalación inmersiva na Cidade da Cultura de Compostela 'Castelao. Mirar por Galicia'.

O Ateneo de Pontevedra e o Campus Crea organizaron xornadas e ciclos de conferencias que profundaron na obra e traxectoria de Castelao, con figuras como Henrique Monteagudo, Xosé Manoel Núñez Seixas e Uxía. O Pazo da Cultura acollía o espectáculo poético-musical "Irmán Daniel!".

En novembro, o público desbordou o Teatro Principal nunha representación de "Os vellos non deben de namorarse" que buscou a máxima fidelidade ao soño escénico de Castelao, unha gran produción da agrupación Os de Algures coa Aula de Teatro Municipal de Pontevedra.

Teatro: 'Os vellos non deben de namorarse'Cristina Saiz
Público que asistía a ver 'Os vellos non deben de namorarse'Cristina Saiz

O 'Roteiro dos institutos' achegou a figura do rianxeiro aos escolares, e a parroquia de Cerponzóns homenaxeou a Castelao e a emigración coa exposición "Unha maleta de cartón".

Migallas Teatro, a través dunha proposta escénica, trasladaba as 'pegadas de Castelao' entre os escolares de Pontevedra.

Unha exposición con facsímiles e debuxos do álbum 'Cousas da vida' homenaxeba tamén a Castelao no municipio de Barro.

O fito máis esperado do ano chegou o 24 de novembro, cando a Deputación de Pontevedra e o Centro Galicia de Bos Aires selaron o acordo histórico para a cesión temporal da obra 'A derradeira leición do mestre'.

Representantes da Deputación, Museo de Pontevedra e Centro Galicia de Bos Aires posan co cadro ´A derradeira leición do mestre´Deputación de Pontevedra

O cadro, pintado en 1945 en homenaxe a Alexandre Bóveda e símbolo das vítimas da represión, poderá ser contemplado por primeira vez no Museo de Pontevedra en 2026, cumprindo un "soño colectivo" e rpotenciando lazos coa diáspora galega.

O colofón dun ano histórico (Decembro)

O 11 de decembro, a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra concluía un ano emblemático ao recibir o Premio Otero Pedrayo 2025 no Pazo Provincial.

Entrega do Premio Otero Pedrayo á Sociedade Coral Polifónica de PontevedraDeputación de Pontevedra

O galardón recoñeceu a súa traxectoria centenaria e o seu inestimable labor cultural, destacando a súa íntima relación co Museo e o impulso de figuras como Castelao. O presidente da Deputación, Luis López, felicitou a Coral e lembrou o próximo regreso de 'A derradeira leición do mestre'.

Finalmente, o 18 de decembro, Pontevedra celebrou un acto colectivo de lectura pública, "Lermos Castelao", no Café Moderno, divulgando os textos fundamentais do intelectual.

Lectura de textos de CastelaoCristina Saiz

O Ano Castelao pecharase oficialmente o 7 de xaneiro de 2026 cun acto institucional organizado polo Concello de Pontevedra, que contará coa presenza de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en