Rumboia #212: Baiuca

Rumboia #212: Baiuca

Mar | 19:00 | 19:10

Cun pé na recuperación de ritmos, instrumentación e sonoridade da música tradicional galega e con outro na música electrónica de vangarda pero utilizando estruturas de canción pop, Baiuca soa a revolución e a resignificación dos códigos culturais máis representativos da cultura galega.

'Solpor' é o primeiro álbum do produtor galego; unha colección de cancións que non só conectan a Galicia de antonte coa de pasadomañá, senón que converte ao Atlántico no 'noso Amazonas'. Ao mesmo tempo lanza unha serie de preguntas que só Baiuca sabe contestar: pode unha caixa de ritmos danzar ao ritmo dunha muiñeira?, poden os ritmos de antonte soar aos de pasadomañá?, como conseguir resignificar as marcas culturais da Galicia pasada e a futura? Como se delimitan as fronteiras entre a música tradicional, a folktrónica, a música de club a world music, as gravacións de campo e o beat da máquina?, hai espazo para que a música folclórica galega transcenda a territorios máis propios das vangardas musicais?. A resposta é un rotundo: sí a todo.

Se a bruxería é "o conxunto de crenzas e actividades atribuídos a certas persoas chamadas 'bruxas' que están supostamente dotadas de certas habilidades máxicas", si, Baiuca é un bruxo. O produtor galego converteuse nun dos alquimistas máis importantes á hora de recuperar músicas e códigos tradicionais e traelos non só a un marco contemporáneo, senón futurible.

Rumboia

Rumboia é un programa producido pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, un espazo para a música tradicional e folk galego.

Fechar